Política Social realizou preto de 300 visitas a residencias ao abeiro do programa intensivo de auditorías para avaliar os protocolos anticovid

Este plan, posto en marcha a finais do ano pasado, tiña como obxectivo analizar o cumprimento e actualización de medidas de seguridade fronte á covid-19

A iniciativa foi complementaria ás inspeccións sociais e sanitarias conxuntas que se fan de xeito ordinario
 

Santiago de Compostela, 25 de marzo

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou o traballo realizado ao abeiro do Programa intensivo de auditorías en residencias, co que se realizaron preto de 300 visitas para avaliar o cumprimento de protocolos e medidas fronte á covid-19. Fíxoo durante unha resposta a unha pregunta oral na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento.

As auditorías leváronse a cabo entre os meses de novembro e decembro, e foron efectuadas por técnicos superiores de prevención de riscos laborais. Antón Acevedo explicou que este plan procuraba supervisar o grao de implantación das medidas de seguridade, así como a súa actualización.

Para iso, realizáronse visitas e tamén se achegaron cuestionarios para avaliar a preparación do persoal encargado. Ademais, apuntou que cando se detectou que algunha residencia necesitaba apoio, se desprazaron técnicos da Consellería de Política Social para implantar melloras naqueles eidos nos que fosen necesarios.

O director xeral detallou que o programa tivo unha duración de aproximadamente un mes e que foi complementario ás inspeccións sociais e sanitarias conxuntas que se fan de xeito ordinario. Non obstante, esta iniciativa completarase cunha segunda fase na que os técnicos volverán visitar os centros para analizar os aspectos que foron mellorados con respecto á primeira fase.

Plan de inspeccións

Ademais, Antón Acevedo explicou que no ano 2020 se realizaron dentro do Plan de Inspeccións máis de 1.132 comprobacións nos centros de servizos sociais, das que ao redor de 360 se levaron a cabo en residencias de maiores e persoas con discapacidade. Para o 2021 o obxectivo é continuar mellorando e superar as 1.500 inspeccións.