O Sergas remata a reforma integral e ampliación de espazos e servizos do centro de saúde de Mondariz-Balneario cun investimento de 115.000€

O delegado territorial da Xunta, Luis López, o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, e o alcalde José Antonio Lorenzo, supervisan a actuación, que permitiu gañar case un 50% da superficie de atención sanitaria

Procedeuse á adaptación da antiga dependencia de Correos e de dous locais libres para contar cunha consulta médica de maiores dimensións, almacén de medicinas, vestiario e máis aseos

O representante autonómico lembra que a Xunta xa construiu ou renovou 80 centros de saúde dende o ano 2009 e engadirá case 40 actuacións máis destas características nesta lexislatura

Mondariz-Balneario, 24 de marzo de 2021

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) vén de rematar as obras de reforma integral e ampliación de espazos e servizos no centro de saúde de Mondariz-Balneario, que contaron cun investimento de 115.000€ ao abeiro dun convenio entre o Goberno galego e o Concello.

Con motivo da conclusión dos traballos, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, e o alcalde de Mondariz-Balneario, José Antonio Lorenzo, supervisaron esta actuación, que permitiu gañar case un 50% de espazo destinado a atención sanitaria, xa que a superficie útil do servizo de saúde paso de 80 m2 a case 120 m2.

“Estamos ante unha actuación moi importante para os veciños de Mondariz-Balneario que xurde froito da colaboración institucional entre a Xunta e o Concello e que permitiu remodelar todas as dependencias sanitarias para incrementar a eficiencia e a comodidade dos usuarios e renovar todas as instalacións dun nobre edificio de pedra con 70 anos de antigüidade que precisaba desta reforma”, indicou Luis López.

O representante autonómico destacou que a Xunta de Galicia xa construiu ou renovou de xeito integral, con esta obra de Mondariz-Balneario, un total de 81 centros de saúde dende o ano 2009, o que supuxo actuar sobre 67.800 m2. En total, entre as 81 obras xa rematadas e as 10 que están en marcha, a Xunta xa investiu nestes 12 anos máis de 100 M€ na mellora das infraestruturas de atención primaria en Galicia. E os Orzamentos para 2021, os primeiros da lexislatura, contemplan un incremento do 108% no capítulo de investimentos para Atención Primaria, pasando de 26 millóns en 2020 a 55 millóns de euros no presente exercicio.

A actuación no punto médico deste concello da bisbarra do Condado consistiu na reforma integral da planta baixa e o aproveitamento da antiga dependencia de Correos para a súa conversión nunha nova sala de consultas médicas e nun baño adaptado e a reutilización de dous pequenos locais que estaban baleiros para contar cun almacén e un vestiario.

Paralelamente, procedeuse á demolición dos antigos aseos e á súa reconstrución, á apertura dunha porta posterior para independizar o acceso do primeiro andar, que está sen uso, e á renovación de todas as instalacións, carpintaría interior, falsos teitos e acabados interiores da planta baixa.
Deste xeito, o remozado centro de saúde de Mondariz-Balneario conta agora cunha consulta médica de grandes dimensións, sala de emerxencias, consulta de enfermería, sala de curas, vestiario, almacén de medicinas e tres cuartos de baño, un deles adaptado para persoas con discapacidade.

Imaxes relacionadas