A Xunta colabora na instalación da cuberta de dous parques infantís do concello de Boqueixón

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe as melloras levadas a cabo no municipio con apoio do Goberno galego

As actuacións enmárcanse na Orde de infraestruturas de uso público, á que a Xunta mantén na convocatoria deste ano o orzamento de 4M€

Boqueixón (A Coruña), 24 de marzo de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá as actuacións levadas a cabo no concello coruñés de Boqueixón para a instalación da cuberta nos parques infantís de Lestedo e Camporrapado, que o Goberno galego financiou o ano pasado cunha axuda de case 34.000 euros ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público. De feito, a convocatoria de 2020 desta orde contaba cunha liña para o financiamento da construción de parques infantís cubertos ou a cubrición de parques xa construídos.

O Goberno galego xa publicou a convocatoria deste exercicio da Orde de Infraestruturas de uso público mantendo o orzamento de 4 millóns de euros do ano pasado despois de incrementalo en 2020 nun millón de euros.

A través desta orde, a Xunta financia os proxectos dos concellos galegos para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. No marco desta liña, a Administración autonómica ten colaborado co municipio de Boqueixón na construción doutros parques infantís e melloras en distintas rúas.

O investimento do Goberno galego nos últimos anos no concello supera os 306.000 euros entre as melloras en infraestruturas municipais e outros proxectos destinados á protección e conservación do medio ambiente no marco do Fondo de Compensación Ambiental, ao que o Xunta destina este ano 12 millóns de euros.

Natalia Prieto destacou o compromiso da Xunta por manter o apoio que precisan os municipios para levar a cabo actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida dos seus veciños e da prestación dos servizos municipais.

Imaxes relacionadas