Técnicos da Xunta, do Concello e de Adif mantiveron hoxe unha reunión da Comisión de Seguimento da estación intermodal de Lugo convocada polo Goberno galego

A Xunta iniciará en breve a tramitación urbanística da estación de autobuses intermodal de Lugo e compromete colaboración nos trámites pendentes de Adif para a terminal ferroviaria

Os técnicos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade informaron dos importantes avances na terminal de autobuses, co proxecto básico xa redactado e o construtivo en elaboración

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural reiterou a información xa trasladada en 2018 sobre o procedemento para descatalogar o edificio de Correos, que require dunha modificación simplificada do Plan Xeral por parte do Concello

Para aprobar o proxecto da estación ferroviaria, Adif debe tamén superar o escollo da incompatibilidade co PXOM e de expropiación das parcelas afectadas

Continúa pendente de concretarse a alternativa de Adif para o financiamento do aparcadoiro subterráneo previsto por necesidades da estación de tren

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2021

A Xunta iniciará en breve a tramitación da estación de autobuses da intermodal de Lugo e compromete a súa colaboración nos trámites que ten pendentes Adif para aprobar o proxecto da terminal ferroviaria que lle corresponde.

Na reunión da Comisión de Seguimento da intermodal de Lugo celebrada esta mañá a instancias da Xunta, os técnicos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade informaron dos importantes avances na terminal de autobuses, que conta co proxecto básico xa redactado e o construtivo en elaboración.

De feito, o Goberno galego prevé iniciar en breve a tramitación urbanística deste proxecto a través da Lei 3/2016, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese, que permite a simplificación e redución de prazos administrativos.

Durante o encontro, os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural reiteraron ante Adif e o Concello o procedemento para descatalogar o edificio de Correos, necesario para a execución do proxecto da estación ferroviaria que prevé executar Adif. Ese procedemento é o mesmo que xa se lle trasladou en 2018 e consiste na modificación simplificada do PXOM, que debe iniciar aínda o Concello.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural comprometeuse a axilizar a tramitación que lle corresponda para que o procedemento para a descatalogación do edificio se aprobe no menor prazo posible.

Ademais da descatalogación do edificio de Correos, a aprobación do proxecto da reforma ferroviaria da estación intermodal de Lugo que promove Adif aínda ten que superar outro escollo importante, que é a incompatibilidade do proxecto co PXOM. Para superar ese atranco Adif trasladou a posibilidade de xestionar a aprobación urbanística da estación de tren a través da Lei do sector ferroviario, que require de meses de tramitación e un proceso de información pública, a efectos de expropiacións.

Douta banda, segue pendente de concretarse a alternativa prevista por Adif para o financiamento do aparcadoiro subterráneo que ten planificado por necesidades da estación ferroviaria.

O Goberno galego propón que o Ministerio de Transportes, a través de Adif, financie esta infraestrutura con cargo aos fondos europeos de reconstrución ante a pandemia da covid-19.

Como alternativas, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade propuxo contribuír cun 10% do custo ao financiamento dese aparcadoiro subterráneo, ou que este se execute en superficie, o que abarataría considerablemente a obra. Estas tres propostas foron xa trasladadas pola Xunta a Adif o pasado mes de outubro sen que, ata o momento, o administrador ferroviario concretase a alternativa prevista.

Imaxes relacionadas