Conde destaca que Galicia ten ante si a oportunidade de consolidarse como un referente en renovables e enerxía eólica

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, apunta no Parlamento que desde a Xunta se avoga por un desenvolvemento eólico ordenado e garantista, vinculando os proxectos á nova realidade industrial e enerxética

A Comunidade foi a segunda que máis enerxía renovable produciu o ano pasado, cun aumento do 14,5%

Lembra que a Lei de reactivación económica dá prioridade aos parques eólicos que leven aparellado un proxecto industrial cun mínimo de 25 empregos e aos que estean vencellados ao autoconsumo industrial

O Inega conta este 2021 cun 33% máis de recursos con respecto ao pasado ano para seguir avanzando na transición enerxética das familias, administracións públicas e empresas

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe que estamos ante un momento de enorme dificultade polo cambio de modelo enerxético, pero tamén de oportunidades para que Galicia siga sendo un referente en enerxías renovables en xeral, e en enerxía eólica en particular. Así, a comunidade é a segunda que máis enerxía renovable produciu en 2020, cun aumento do 14,5%, debido fundamentalmente á xeración eólica, na que tamén ocupa o segundo lugar, achegando o 40,7% sobre o mix enerxético galego.

O vicepresidente económico fixo fincapé en que desde a Xunta de Galicia se avoga por impulsar un modelo de desenvolvemento eólico ordenado, compatible co resto de actividades e que cumpra coas máximas garantías de protección ambiental, vinculando os proxectos á nova realidade industrial e enerxética. Sinalou así mesmo que precisamente con este obxectivo, a nova Lei de reactivación económica servirá para impulsar proxectos eólicos asociados a iniciativas industriais no territorio.

Así, nesta normativa dáse prioridade aos parques eólicos que leven aparellado o compromiso dun proxecto industrial que consolide ou cree un mínimo de 25 empregos, e tamén aos proxectos de xeración eléctrica a partir de renovables, incluído o eólico, que estean vencellados ao autoconsumo industrial. Ambos casos serán considerados iniciativas empresariais prioritarias porque servirán para reforzar e consolidar o tecido industrial en Galicia e para mellorar a súa competitividade. Neste contexto, Conde lembrou que os proxectos eólicos só se autorizan se son compatibles co resto de actividades económicas e coa defensa da biodiversidade.

Ademais, o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) traballa no desenvolvemento enerxético da Comunidade ofrecendo información, divulgación e sensibilización; formación; asesoramento técnico; e programas de axudas para consolidar unha aposta clara polas enerxías renovables e a mobilidade eficiente e sostible e unha maior cultura de aforro e eficiencia enerxética, apoiando tamén a I+D+i nestes ámbitos. Neste sentido, o Inega conta este ano cun 33% máis de recursos con respecto ao pasado ano ata acadar preto de 39 millóns de euros para seguir avanzando na transición enerxética das familias, administracións públicas e empresas.

Imaxes relacionadas