A Xunta anima ao sector primario e agroalimentario galego a presentar iniciativas para acollerse ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia fronte aos efectos da covid-19

A Consellería do Medio Rural lanza a Convocatoria de Manifestación de interese de proxectos autonómicos, co obxectivo de axudar a definir as liñas estratéxicas de actuación no rural galego

A iniciativa permitirá visibilizar os proxectos promovidos por pequenas e medianas empresas coa finalidade de poñer en produción ata 18.000 hectáreas de terra abandonada e de desenvolver 200 aldeas modelo, utilizando os instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

Os interesados terán de prazo ata o 16 de abril para enviar os seus proxectos ao enderezo de correo electrónico proxectos.medio-rural@xunta.gal
 

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2021

A Xunta anima ao sector primario e agroalimentario galego a presentar iniciativas que sexan susceptibles de optar ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia para facer fronte aos efectos da covid-19, deseñado polo Goberno central. Así, a chamada Convocatoria de Manifestación de interese de proxectos autonómicos, de carácter non vinculante, permitirá identificar os interesados en participar nos proxectos tractores e transversais impulsados pola Consellería do Medio Rural ao abeiro dese Plan, ao tempo que axudará a definir as liñas estratéxicas de actuación no rural galego.

Cómpre sinalar que o obxectivo final deste Plan é a reactivación económica a curto e medio prazo e a transición cara a unha economía sostible e resistente a longo prazo. Nesa liña, e no marco desta iniciativa, a Xunta presentou ao Ministerio de Transición Ecolóxica e ao de Industria, Comercio e Turismo o "Polo para a transformación de Galicia", como un proxecto transformador que promoverá o desenvolvemento de catro proxectos tractores e catro proxectos transversais, cos que afrontar os catro grandes retos (Transición Ecolóxica, Transición Xusta, Transición Dixital e Loita contra o despoboamento e o reto demográfico).

Precisamente unha parte destes proxectos tractores e transversais están dirixidos a apoiar o sector primario galego. De xeito específico, o proxecto de biofábrica de fibras téxtiles sostibles -que ten por obxectivo pechar o ciclo da transformación da madeira en Galicia- suporá un forte impulso do noso sector forestal na liña que marca o Plan Forestal 2021-2040 cara á multifuncionalidade e a diversificación do monte galego. Tamén se contempla a implementación dos instrumentos recollidos na futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, para promover a bioeconomía e a calidade de vida no noso rural. En concreto, este proxecto tractor leva asociada a posta en produción de 18.000 hectáreas de terra abandonada no rural galego para usos agrícolas, gandeiros ou forestais, así como a posta en marcha de 200 aldeas modelo.

Por outra banda, a Consellería do Medio Rural está a preparar o Plan Estratéxico para a execución dos fondos Feader no período 2023-2027, como base fundamental sobre a que se asenta o deseño dos instrumentos de apoio e impulso por parte da Administración pública aos diferentes proxectos empresariais que se van desenvolver no sector primario e agroalimentario galego.

Deste xeito, para garantir a eficacia tanto do Plan de recuperación, transformación e resiliencia como dos instrumentos de apoio e promoción a partir dos fondos Feader para o próximo período, a Consellería do Medio Rural busca identificar proxectos ou iniciativas que contribúan a definir as liñas de actuación no sector primario e agroalimentario galego, así como aquelas entidades interesadas en desenvolvelas. Ao tempo, a información recollida permitirá visibilizar os proxectos promovidos por pequenas e medianas empresas, posibilitando deseñar fórmulas de financiamento ou outros mecanismos de apoio axeitados, así como os parámetros técnicos que deben rexer, no seu caso, a avaliación ou selección das accións para acceder a ditos mecanismos.

En concreto, mediante a Convocatoria de Manifestación de interese de proxectos autonómicos, a Consellería do Medio Rural busca identificar iniciativas que persigan o desenvolvemento do emprendemento no rural galego, dinamizando demográfica e economicamente as zonas rurais de Galicia, así como a mellora das explotacións agrarias para reforzar a súa sostibilidade ou o impulso á bioeconomía. Tamén se busca promover a transición enerxética como panca de atracción de actividade e poboación a partir da enerxía sostible e accesible, utilizar novos modelos de negocio agroalimentario adaptados á economía verde e á transición ecolóxica e aumentar a produción orientada a produtos baixo selos de calidade diferenciada. A maiores, outra das finalidades é desenvolver proxectos do sector agroalimentario que atendan aos compoñentes principais do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

As Manifestacións de interese de proxectos autonómicos poderán enviarse ata o 16 de abril ao enderezo de correo electrónico proxectos.medio-rural@xunta.gal, aportando un breve informe ou documentación adicional que proporcione información relevante sobre a iniciativa presentada. A avaliación dos proxectos será levada a cabo pola Consellería do Medio Rural, en colaboración cos organismos e entidades que impulsen os compoñentes aos que se orienten os proxectos presentados.

As Manifestacións de interese de proxectos autonómicos poden atoparse no seguinte enlace:
https://mediorural.xunta.gal/gl/recursos/manifestacion-interese-proxectos-autonomicos