O conselleiro de Cultura e Educación preséntalles os principais eixes de actuación desta folla de ruta aos representantes do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

O COAG colaborará na definición das directrices que guiarán o Plan de nova arquitectura pedagóxica da Xunta de Galicia

Román Rodríguez inicia unha rolda de contactos para avanzar no deseño dun modelo de colexios poscovid que responda aos retos de futuro da educación

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia iniciou hoxe co Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) unha rolda de contactos con todos os implicados no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta dotada con 191M€ que busca preparar os colexios para os retos de futuro e adaptalos ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas xurdidas da reflexión ante a covid-19.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse hoxe coa presidenta da COAG, Elena Ampudia, e outros membros para presentarlles os principais eixes de actuación deste plan que foi aprobado a semana pasada no Consello de Xunta. Como explicou, o Goberno galego quere contar coas achegas dos diferentes axentes da comunidade educativa para definir e consensuar un documento que marcará o desenvolvemento dun novo modelo de colexios e institutos para que o ensino galego segue a ser unha referencia.

O titular de Educación agradeceu a colaboración dos arquitectos galegos por participar neste proceso que busca centros escolares máis accesibles, máis confortables e multifuncionais. Apelou así á “experiencia” destes profesionais ao servizo desta nova arquitectura docente, e fixo especial fincapé no deseño dos espazos exteriores e interiores como lugares de aprendizaxe, interacción e convivencia.

O obxectivo final, tal e como sinalou Román Rodríguez, é que “Galicia sexa pioneira nun novo modelo de escolas para o século XXI”, a través dun plan que dea valor engadido aos centros educativos, os espazos nos que os futuros cidadáns pasan “as etapas máis determinantes das súas vidas”. Para iso, subliñou, “é imprescindible poñer a arquitectura a disposición das necesidades do sistema educativo”.
 

Imaxes relacionadas