A Xunta licita a renovación integral do firme e a modernización do balizamento da estrada autonómica PO-212 entre Rodeiro e Agolada por 1,1 M€

O delegado territorial da Xunta, Luis López, anuncia esta actuación, orientada ao reforzo da seguridade viaria e mellora da mobilidade, nunha visita a esta vía autonómica cos alcaldes de Rodeiro e Agolada, Rubén Quintá e Luis Calvo

As empresas teñen de prazo ata o vindeiro 19 de abril para presentar ofertas

A obra, que comezará este verán cun prazo de execución de seis meses, inclúe a instalación de máis de 1.500 captafaros para incrementar a visibilidade e mellorar as condicións circulatorias dos 4.700 veciños da zona
 

Rodeiro-Agolada, 23 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, licitou hoxe as obras de renovación e reparación integral do firme e modernización do balizamento e da sinalización da estrada autonómica PO-212, entre os concellos de Rodeiro e Agolada, cun orzamento de 1.110.769€.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou esta mellora nunha visita a esta vía autonómica no lugar de Adelán, na compaña dos alcaldes de Rodeiro e Agolada, Rubén Quintá e Luis Calvo, respectivamente. O representante autonómico explicou que esta actuación “é necesaria, xa que a pavimentación se foi deteriorando pola carga de tráfico, o paso do tempo e os efectos da climatoloxía e por iso dende a Xunta imos actuar de inmediato para tentar que estea rematada neste ano”.

As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 19 de abril para presentar as súas ofertas.

A actuación de reforzo de firme realizarase ao longo dos 15,6 quilómetros desta estrada co obxectivo de mellorar a súa seguridade viaria e as condicións de condución e circulatorias, beneficiando aos case 4.700 veciños que a empregan de xeito habitual.

Deste xeito, proponse unha actuación diferenciada, segundo o estado do firme nas diversas zonas, que incluirá o fresado e a eliminación de cinco centímetros da capa de rodadura -naqueles puntos onde está máis prexudicado e que suman 250.000m²- e a súa posterior reposición con máis de 6.000 toneladas de mestura bituminosa en quente previa aplicación dunha rega de adherencia. Así mesmo, está previsto que, en toda a vía, se aplique microaglomerado en frío para minimizar o futuro desgaste da capa de rodadura e favorecer a adherencia dos vehículos.

Paralelamente, a Xunta vai repoñer todas as marcas viarias: a sinalización do eixo central da calzada e os bordes da estrada, e vai colocar máis de 1.500 elementos de balizamento, co formato de captafaros, para incrementar a visibilidade.

Cómpre sinalar que tamén está previsto que, en aras da seguridade, se reduza lixeiramente o ancho dos carrís centrais para establecer algunhas zonas intermedias cebreadas no marco das actuacións complementarias de modernización da estrada.

Luis López, que avanzou que a obra comezará este verán tras a correspondente tramitación da contratación e que conta cun prazo de execución de seis meses, destacou “o elevado grao de compromiso da Xunta de Galicia coas infraestruturas, que están a recibir uns fortes investimentos en toda a provincia para mantelas nas mellores condicións e que, no caso do Deza, vanse plasmar nesta conexión entre Rodeiro e Agolada para favorecer a mobilidade entre dous concellos cunha elevada relación e mobilidade”.

Imaxes relacionadas