O presidente da Xunta reuniuse hoxe con María José Gómez Rodríguez

Feijóo aborda coa alcaldesa de Guntín os principais proxectos do municipio

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe coa alcaldesa de Guntín, María José Gómez Rodríguez, o estado dos principais proxectos do municipio e as principais demandas dos veciños.

Durante a reunión, ambos mandatarios analizaron a situación do Plan Básico Municipal, cuxa redacción se prevé poida estar contratada a finais de 2021, cun prazo de aprobación de 18 meses desde que se licite o contrato concreto. Cómpre lembrar que a Xunta xa asinou este mesmo mes o contrato polo que se adxudican os traballos para cartografar o concello, como paso previo á elaboración deste Plan.

Ademais, ambos mandatarios avaliaron o estado da solicitude de Plan de infraestruturas rurais para a reparación da vía de acceso de Grolos a Mougán.

Así mesmo, aproveitaron a xuntanza para abordar a posibilidade de colaborar co concello na mellora da área recreativa das piscinas municipais no río Ferreira. Sería posible, subliñou, a través da nova orde de axudas convocada o 8 de marzo e dirixida a cofinanciar actuacións urbanísticas en concellos de menos de 20.000 habitantes.

Do mesmo xeito, tamén abordaron outros asuntos de interese para o concello, como a mellora do campo de fútbol, así como proxectos para optimizar o abastecemento.

Por último, o titular do Goberno galego destacou os máis de 16.000 € do primeiro Plan de rescate dos que se beneficiaron os titulares dos establecementos máis prexudicados pola pandemia nese municipio, na súa maioría pertencentes ao sector da hostalería.

Imaxes relacionadas