O presidente da Xunta reuniuse hoxe co alcalde de Begonte, José Ulla Rocha

A Xunta investirá 600.000 euros no CEIP Virxe do Corpiño de Begonte e transformará o colexio de Baamonde en aulas de música e conservatorio

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co alcalde de Begonte, José Ulla Rocha, a evolución dos proxectos de maior interese para o Concello, entre os que destacan os de carácter educativo.

Durante a reunión, analizaron a proposta para integrar os centros educativos do concello, dado o baixo nivel de matrícula do CEIP Virxe do Corpiño e do CEIP de Baamonde. A iniciativa pretende xuntar a todo o alumnado no CEIP Virxe do Corpiño, centro que vai recibir 600.000 euros para reformar e modernizar as súas instalacións, dirixidas a mellorar a eficiencia enerxética do centro. Deste xeito, o concello pasaría de ter dous centros con débil matrícula a un único centro fortalecido con maiores recursos educativos e que atraerá matriculación doutras zonas.

A maiores, este proxecto permitiría empregar as instalacións do CEIP de Baamonde para outros usos, como aulas de música e conservatorio municipal, que podería acoller ao redor de 200 músicos de toda a comarca. Actualmente, o concello de Begonte está a piques de rematar a elaboración dos proxectos de remodelación e, unha vez rematados, asinarase o convenio para a execución das obras necesarias.

No eido das infraestruturas, abordaron a ampliación da estrada LU-231. O presidente da Xunta incidiu na inclusión do primeiro subtreito desta obra dentro das actuacións propostas ao Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana para facer con fondos europeos. Este investimento sumaríase á partida recollida nos Orzamentos da Xunta para esta actuación, que ascende a máis de 1,2 millóns de euros.

Na xuntanza, tamén analizaron posibles melloras no espazo do Belén de Begonte, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia en 2014 .

Así mesmo, Feijóo aproveitou a xuntanza para destacar igualmente a colaboración entre ambas administracións na loita contra a covid, coa entrega de material por parte da Xunta como: máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais.
 

Imaxes relacionadas