A Xunta publica a quinta e derradeira guía DXT Galego sobre a organización de competicións e calendarios e a presentación do sistema iterativo de competición modular

As Guías DXT Galego ‘Volvendo con sentidiño’ poñen á disposición de federacións, clubs, profesores e adestradores suxestións con base científica que permitan acelerar a volta á normalidade na práctica da actividade deportiva con toda a seguridade e cumprimento das normativas

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia vén de publicar o quinto e derradeiro número das Guías DXT Galego ‘Volvendo con sentidiño’ elaboradas pola Secretaría Xeral para o Deporte e expertos universitarios baixo a coordinación do catedrático da Universidade da Coruña, Rafael Martín Acero, que xa foi enviado a todos os clubs e federacións deportivas de Galicia e pode ser consultado na páxina web do Deporte Galego. Este quinto manual versa sobre ‘Flexi-organización de competicións e calendarios en tempos de Covid-19: sistema iterativo de competición modular (SíCoM-DXT Galego)’.

A quinta guía propón este sistema iterativo de competición modular que permite pensar a cada órgano federativo competente como se podería flexi-organizar na repetición de móduos de competición (sesións, torneos, campionatos), e ordenar e pautar o calendario das competicións de tal xeito que, se fose preciso un novo “parón”, este non impedise continuar sen ter que “volver atrás” á vez que se garantan os dereitos deportivos dos competidores. Os asuntos tratados neste quinto documento corresponden a un traballo realizado por Rafael Martín Acero, Dan Río Rodríguez, Joaquín Gómez Varela e Javier Rico Díaz, da Secretaría Xeral para o Deporte e a Universidade de Santiago de Compostela..

Esta guía é a quinta e definitiva dunha serie que completa o documento único que contribuirá a reactivar os adestramentos e competicións das arredor de 300 especialidades deportivas que se practican en Galicia e a recuperar o músculo do deporte galego, así como a plenitude física e psíquica de federacións, clubs e deportistas. A primeira delas, entregada o pasado 29 de xuño, trata as ‘Recomendacións para a aceleración da reactivación e readaptación técnico/táctica do deportista en busca da súa motivación progresiva para as esixencias da competición’. A segunda, sobre as ‘Recomendacións para a aceleración da reactivación e readaptación técnico/táctica do deportista para a súa motivación e achegamento progresivo ás esixencias do partido’, foi publicada o 3 de xullo. A terceira, ‘Aceleración da reactivación e readaptación técnico/táctica do deportista para motivalo e achegalo progresivamente ás demandas da loita, combate, etc.’ viu a luz o pasado 8 de xullo. A cuarta, sobre ‘Achegarse do modo máis seguro posible á volta á competición de nenos, mozos e amateurs’, publicouse o 5 de xaneiro.

Guías DXT Galego


As Guías DXT Galego ‘Volvendo con sentidiño’ poñen á disposición de federacións, clubs, profesores e adestradores suxestións con base científica que permitan acelerar a volta á normalidade na práctica da actividade deportiva con toda a seguridade e cumprimento das normativas.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, entende a elaboración deste documento como un novo exemplo do traballo do Goberno galego na busca do “constante apoio e consenso en todos e cada un dos membros desta sólida sociedade da que somos responsables”. Tras un comportamento “escrupuloso” durante os tres meses que tivo vixencia o estado de alarma na nosa Comunidade Autónoma, “a Xunta de Galicia entende que neste momento, garantir a seguridade e a saúde da nosa poboación tamén pasa por recuperar a actividade deportiva”, sentencia.

Libro ‘Pílulas solidarias’


Cómpre salientar que ademais destas cinco guías, a Xunta de Galicia traballa xunto a Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte (SIPD) na edición dun libro que recolla todas as ‘Pílulas solidarias’ de adestramento mental realizadas a tenor da iniciativa levada a cabo durante os meses de confinamento para axudar á preparación e motivación dos e das deportistas, técnicos e técnicas, así como todos os representantes do tecido deportivo neste período de confinamento derivado da declaración do estado de alarma pola expansión do coronavirus. Esta iniciativa chegou a un total de 20 países.

Imaxes relacionadas