A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá unha vivenda participante no programa de compostaxe doméstica de Sogama

A rede de compostaxe doméstica da Xunta superará as 18.000 unidades ao sumar 3.000 novos composteiros este ano

Ángeles Vázquez salienta que o programa de compostaxe doméstica posto en marcha polo Goberno galego conta coa participación de máis de 200 concellos, 135 centros educativos e 24 colectivos sociais

A conselleira de Medio Ambiente destaca que esta iniciativa permite reducir a presenza de lixo orgánico na bolsa negra e convertelo en compost, ao tempo que constitúe un pequeno gran complemento ao traballo que realizarán as catro plantas de biorresiduos que se proxectan na Comunidade
 

Vedra (A Coruña), 23 de marzo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda repartirá ao longo do presente ano un total de 3.000 novos compostadores, polo que a rede de compostaxe doméstica posta en marcha por Sogama superará as 18.000 unidades.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá a licitación que a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) vén de realizar para adquirir 3.000 novos compostadores, co fin de atender as peticións dos distintos colectivos, que trasladan o seu interese por formar parte do programa de compostaxe doméstica posto en marcha por Sogama.

Vázquez Mejuto visitou esta mañá unha vivenda no concello de Vedra, cuxos propietarios participan nesta iniciativa, e coa que se pon en valor a materia orgánica e se transforma en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o chan.

Explicou que o programa da Xunta de Galicia, ademais do reparto dun composteiro cunha capacidade duns 400 litros, tamén implica recibir un curso de formación para explicarlles aos participantes voluntarios a técnica e asesoralos en aspectos, como onde localizar o compostador (nunha zona no exterior da vivenda e en contacto directo coa terra, para facilitar a entrada dos organismos), o control de parámetros que inflúen na compostaxe (o osíxeno, a temperatura ou a humidade), así como unha relación de refugallos que deben, e que non, depositarse no mesmo.

A conselleira de Medio Ambiente lembrou que na actualidade en Galicia hai 15.200 compostadores (só no Concello de Vedra se rexistran 230), xestionados por un total de 364 entidades, entre as que destacan 205 concellos, 135 centros educativos e 24 colectivos sociais.

Ángeles Vázquez subliñou que con este programa se recupera unha práctica tradicional no rural galego, pero dunha forma máis moderna, cómoda e hixiénica; acadando un abono natural de alta calidade que regresa ao chan en forma de nutrinte.

Autocompostaxe, exemplo de economía circular

A conselleira de Medio Ambiente destacou que a autocompostaxe é un exemplo da efectividade da economía circular, pois é unha práctica que evita que a materia orgánica xerada nos fogares acabe depositada na bolsa negra no contedor verde e dalle unha segunda oportunidade como un novo material.

Asemade, a conselleira defendeu que co traballo que se realiza ao abeiro deste programa achégase un pequeno grande apoio e complemento ao traballo que farán as catro plantas de tratamento de biorresiduos de titularidade de Xunta (unha en Cerceda, xa operativa, e as tres restantes en marcha: Vilanova de Arousa, Cervo e Verín), para axudar aos concellos a cumprir coa normativa que fixa Europa e que establece que a finais de 2023 deberá estar implantado o denominado quinto contedor.

Por último, concluíu que a recuperación da materia orgánica fomenta o desenvolvemento sostible para frear o cambio climático e reducir a pegada ecolóxica; polo que unha das preocupacións do Goberno galego para os vindeiros anos será avanzar nunha xestión dos residuos máis moderna, eficaz e responsable para acadar unha Galicia máis sostible.

Imaxes relacionadas