A Consellería de Sanidade pon en marcha Xanela Aberta á familia, sitio web de fomento de estilos de vida saudables na familia e na infancia

Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen tamén anunciou unha guía de consellos alimentarios na infancia

O titular da carteira sanitaria remarcou a importancia de traballar dende o ámbito familiar e educativo para asentar hábitos beneficiosos para a saúde

García Comesaña agradeceu o compromiso e o traballo da Dirección Xeral de Saúde Pública que, con estas iniciativas, fai avanzar con paso firme ao departamento sanitario galego nunha das súas liñas estratéxicas

Tamén anunciou o conselleiro que o seu departamento traballa nunha estratexia global de promoción da saúde para toda a poboación galega, que integre a todos os grupos de poboación e que actúe en todos os ámbitos

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou hoxe, na Cidade da Cultura, novas iniciativas dentro das estratexias que o departamento sanitario galego destina ao fomento de hábitos de vida saudables na familia e na infancia. O conselleiro de Sanidade agradeceu o compromiso e o traballo da Dirección Xeral de Saúde Pública que, con estas iniciativas fai avanzar con paso firme ao departamento sanitario galego nunha das súas liñas estratéxicas.

En concreto, o máximo responsable da sanidade pública galega anunciou a posta en marcha de Xanela Aberta á familia, que é un sitio web con información útil sobre a saúde materno infantil e xuvenil. Trátase dun portal para que familias, pediatras e docentes interactúen no seguimento e fomento de hábitos saudables, dende o embarazo ata a adolescencia.

A segunda iniciativa da Consellería de Sanidade anunciada hoxe é unha guía con recomendacións e pautas beneficiosas para a saúde denominada: “O ABC do consello alimentario na infancia”. Esta guía contén ideas, suxestións e propostas de menú calibrados para mellorar a calidade nutricional, e está baseada en tres eixos, a calidade, a cantidade e a variedade, claves para cimentar unha boa alimentación. Trátase dunha excelente folla de ruta para a planificación e a elaboración da oferta alimentaria, tanto nas nosas casas como nos centros educativos.

As iniciativas hoxe presentadas desenvólvense no marco do Proxecto Europeo Riscar.

Na súa intervención, o conselleiro de Sanidade destacou que, dende o seu departamento, avógase por máis actividade física para reducir comportamentos sedentarios e por evitar todo tipo de condutas aditivas.

Todo o que fagamos un bo hábito nas idades máis temperás converterase en máis saúde e en máis benestar na vida adulta, -remarcou o conselleiro-.

Con estes dous novos instrumentos hoxe anunciados, Xanela Aberta e o ABC alimentario, poderanse asentar hábitos beneficiosos para a saúde, co obxectivo de chegar a adultos cun patrón alimentario saudable consolidado.

Estratexia global de promoción da saúde

O titular da carteira sanitaria destacou, así mesmo, que o seu departamento está a traballar nunha estratexia global de promoción da saúde para toda a poboación galega, que integre a todos os grupos de poboación e que actúe en todos os ámbitos. Esta estratexia conta con sete liñas de actuación: unha mocidade sen adicións; a loita contra o sedentarismo; unha Galicia cada vez sen máis fume; a detección precoz de enfermidades; o envellecemento activo e saudable; a aposta por unhas contornas saudables e; ademais, unha maior formación e actualización do coñecemento para actuar máis e mellor sobre a promoción da saúde.

A tal efecto, o conselleiro dixo que o seu departamento deseñará plans sectoriais, desenvolverá programas innovadores, actuará dende a coordinación interdepartamental e a transversalidade e contará coa participación activa de todos os axentes implicados.

Na súa intervención, García Comesaña incidiu en que a área de saúde pública é un dos piares da Consellería de Sanidade e que, como mostra diso, é que nos orzamentos da Xunta de Galicia para este ano, destínanse 30 millóns de euros, un 36% máis que no ano anterior.

Pola súa banda, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, explicou que o Proxecto Riscar é unha iniciativa de colaboración entre as administracións competentes de Portugal, Galicia, Castela-León, Extremadura e Andalucía, cuxo obxectivo é identificar as áreas de intervención destinadas a optimizar a saúde materna e infantil dende unha perspectiva de Saúde Pública.

No acto tamén participou María Ángeles Romero Rodríguez, catedrática de Tecnoloxía de Alimentos da USC, que pronunciou unha conferencia sobre hábitos alimentarios, así como o secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, José Luis Mira Lema.

Imaxes relacionadas