O Diario Oficial de Galicia publica o cambio de titularidade a prol do Concello de Triacastela dun treito antigo da estrada LU-633 coincidente coa traza do Camiño Francés

O municipio asume un antigo tramo en curva duns 112 metros de lonxitude que descorre moi próximo ao casco urbano, destinado a uso público e de recreo

A Xunta investiu recentemente preto de 45.000 euros no seu acondicionamento

O Concello terá competencia para actuar neste treito e asumirá a responsabilidade da súa conservación e mantemento

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2021

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a transferencia a prol do Concello de Triacastela, dun treito antigo da estrada autonómica LU-633 coincidente coa traza do Camiño Francés.

A transferencia desta estrada será efectiva desde mañá, tras a súa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/wnso1

O Concello solicitou ao departamento de Infraestruturas da Xunta a transferencia da titularidade dun antigo treito en curva da estrada LU-633, no punto quilométrico 28+000, en Triacastela, á saída da capitalidade do concello, con destino a uso público e de recreo.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, de acordo cos informes emitidos polos servizos da Xunta en Lugo, formula a proposta favorable de transferencia deste treito duns 112 metros de lonxitude que descorre moi próximo ao casco urbano do núcleo de Triacastela. O treito foi obxecto de acondicionamento recente por parte da Xunta, cun investimento de case 45.000 euros.

Os traballos executados pola Xunta comprenderon a reposición do firme da calzada e a instalación dunha barreira de seguridade para protexer a nova zona de lecer con respecto á calzada da estrada autonómica. A intervención incluíu, ademais, a nivelación do espazo entre estradas para a súa humanización con zonas verdes e a colocación de mobiliario urbano.

A transferencia a prol do Concello de Triacastela tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Co cambio de titularidade, aprobado polo Consello da Xunta do pasado día 11 de marzo, o Concello terá a competencia para actuar nesta vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.