A Policía Autonómica realizou 38 dispositivos esta Ponte de San Xosé na provincia da Coruña para controlar as medidas ante a covid-19

No marco destes controis os axentes levaron a cabo 97 inspeccións, en 7 concellos da provincia coruñesa, e identificaron a 279 persoas

Estes dispositivos enmárcanse no plan de actuacións específicas destinadas a evitar a propagación da covid-19, no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias

A Coruña, 23 de marzo de 2021

Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo, durante a ponte de San Xosé do 18 ao 21 de marzo, 38 dispositivos na provincia da Coruña no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19. Ao abeiro destes controis, os axentes realizaron 97 inspeccións e identificaron a 279 persoas en sete concellos da provincia na pasada ponte, que deron como resultado a a tramitación de 46 actas de infracción, 18 delas por non levar máscaras, 19 por fumar sen distancia, 8 por saltarse o toque de queda e unha por ter mesas sen precintar.

Na cidade da Coruña unha denuncia foi por non levar máscara, 3 por fumar sen distancia e 7 por saltarse o toque de queda e na cidade de Santiago 17 denuncias foron por non levar máscara, 16 por fumar sen distancia, unha por saltarse o toque de queda e unha por ter mesas sen precintar.

En base a este Plan, a Policía Autonómica destinou efectivos a controlar que se están a cumprir as medidas vixentes para frear a expansión do virus. Leváronse a cabo dispositivos en sete municipios da provincia: Ames, A Coruña, Arzúa, Ferrol, O Pino, Santiago e Teo.

Estes dispositivos enmarcase no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias.

Durante os operativos, os axentes controlaron que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais e a prevención do botellón.

Imaxes relacionadas