A Xunta publica a convocatoria das probas para o desempeño das funcións de xestor de transporte por estrada en empresas de mercadorías e de viaxeiros
A primeira quenda dos exames fíxase entre o 17 de abril e o 27 de xuño; mentres que a segunda establécese entre o 2 de outubro e o 19 de decembro de 2021
Os interesados en participar na primeira convocatoria terán un mes de prazo, a contar desde mañá, para presentar a súa solicitude
O prazo para inscribirse na segunda convocatoria fíxase entre o 1 e o 23 de agosto
As solicitudes de inscrición presentaranse a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal
O número de convocatorias e o calendario dos exames, que serán publicados no DOG cunha antelación mínima de 15 días naturais á data elixida, poderán verse modificados en función da evolución da situación sanitaria derivada da covid-19
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade pola que se convocan as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada.
O calendario establecido para estas probas obrigatorias de competencia profesional, tanto na súa modalidade de mercadorías como na de persoas viaxeiras, prevé a realización de dúas convocatorias neste ano.
Segundo recolle a resolución publicada hoxe no DOG, a primeira quenda dos exames fíxase entre o 17 de abril e o 27 de xuño; mentres que a segunda establécese entre o 2 de outubro e o 19 de decembro de 2021.
Os interesados en participar na primeira convocatoria das probas de xestor de transporte contarán cun mes de prazo, a contar desde mañá, para presentar a súa solicitude.
As persoas que desexen acceder á segunda convocatoria disporán desde o 1 ao 23 de agosto de 2021, incluídos ambos os días, para presentar a solicitude.
As inscricións presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
A resolución prevé, tamén, que os exames se poderán modificar, tanto no número de convocatorias, reducíndoas a unha, como no calendario, en función da evolución da situación actual sanitaria derivada da covid-19. As dúas convocatorias terán lugar preferentemente en sábado, domingo ou festivo.
En todo caso, o lugar, a data e a hora de realización dos exercicios serán acordados polo tribunal e publicados no DOG cunha antelación mínima de quince días naturais á data elixida.
No seguinte enlace ao DOG poden consultarse todos os requisitos que deben cumprir os interesados no momento de fin do prazo de presentación de solicitudes: https://xurl.es/x94k3