Feijóo aborda coa alcaldesa de Porqueira os proxectos clave para o concello entre os que destaca o Plan básico municipal

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2021.- O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe coa alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez Dorado, os proxectos clave para o concello entre os que destaca o Plan Básico Municipal (PBM).

Nesa liña, Feijóo trasladoulle á alcaldesa a previsión de que o Plan Básico Municipal de Porqueira se aprobe inicialmente nas próximas semanas. O obxectivo é a súa aprobación definitiva e entrada en vigor a finais de 2021 ou principios de 2022.

Tamén no eido urbanístico, o presidente da Xunta informou de que se está a valorar a solicitude realizada polo Concello para a humanización das rúas en San Lourenzo co cargo á orde de axudas destinadas á creación ou mellora de infraestruturas en concellos cunha poboación inferior aos 20.000 habitantes.

A maiores, durante a reunión abordaron as obras de ampliación da residencia de maiores municipal. Feijóo valorou que o proxecto, cofinanciado pola Xunta e a Deputación de Ourense, permita incrementar a oferta ata as 46 prazas en lugar das 24 actuais.

Así mesmo, Feijóo aproveitou a xuntanza para destacar igualmente a colaboración entre ambas administracións na loita contra a covid, coa entrega de material por parte da Xunta como: máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais.

 

Imaxes relacionadas