A Xunta tramita a inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas de dous montes nos concellos da Veiga e Ponte Caldelas

Trátase do monte Biduedo e Serra do Eixe, de titularidade da comunidade de montes de Riomao, e dos montes de Anceu, da comunidade de montes homónima

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe os anuncios de información pública destes expedientes de inscrición no devandito rexistro

Os interesados en presentar alegacións teñen de prazo dous meses, que computarán a partir de mañá

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os anuncios da Consellería do Medio Rural polos que se someten a información pública dous procedementos de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Por unha banda, o do monte Biduedo e Serra do Eixe, de titularidade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Riomao, no concello ourensán da Veiga, e por outra, o dos montes de Anceu, da comunidade de montes homónima, no municipio pontevedrés de Ponte Caldelas.

No caso do monte Biduedo e Serra do Eixe, trátase de 105,08 hectáreas integradas na súa maior parte por reboleiras de cerquiños (Quercus pyrenaica), bidueirais (Bétula celtiberica), pequenas masas de castiñeiros (Castanea sativa) e masas de vexetación de ribeira. Cómpre sinalar que o sotobosque en moitas zonas está formado por matas de arandeiras silvestres (Vaccinium myrtillus).

Canto aos montes de Anceu, son 116,99 hectáreas de carballos (Quercus robur) e bidueiros (Betula spp) acompañados por castiñeiros (Castanea sativa), ameneiros (Alnus glutinosa), freixos (Fraxinus sp.) e pradairos (Hacer psudoplatanus).

A partir de mañá, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar -tanto no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural de Ourense como no de Pontevedra- os documentos correspondentes a estes expedientes de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas nun prazo de dous meses, que computarán a partir de mañá.

Cabe sinalar que a Consellería do Medio Rural está a tramitar actualmente un total de 27 expedientes de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, que supoñen en conxunto máis de 1.500 hectáreas de terreo. Destes expedientes, cinco corresponden á provincia da Coruña, nove á de Lugo, sete á de Ourense e seis á de Pontevedra.

Ademais, na actualidade xa existen 18 masas inscritas no rexistro: dúas na provincia da Coruña, oito en Lugo, tres en Ourense e cinco en Pontevedra, cunha superficie total de máis de 1.550 ha.

En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.

Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, a Xunta publicou o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.

O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.

Enlace aos anuncios no DOG:

Monte Biduedo e Serra do Eixe:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210323/AnuncioG0426-090321-0003_gl.html

Montes de Anceu:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210323/AnuncioG0426-090321-0004_gl.html

Departamento:
C. do Medio Rural