A Biblioteca Pública Antonio Odriozola mellora as condicións de almacenaxe e depósito dos seus fondos bibliográficos

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visita as instalacións tras o remate da obra impulsada pola Xunta cunha achega de 50.000€

Os novos armarios instalados melloran as condicións físicas e de seguridade da ampla colección de obras que se conservan no fondo da biblioteca

Pontevedra, 22 de marzo de 2020

A Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra vén de mellorar as condicións de almacenaxe e depósito dos seus fondos bibliográficos. Así o explicou hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nunha visita as instalacións, na que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, tras o remate da obra impulsada pola Xunta de Galicia cunha achega de 50.000€.

Como explicou, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de instalar armarios móbiles co fin de mellorar as condicións físicas e de seguridade que requiren os fondos que almacena a Biblioteca de Pontevedra. Entre eles atópase unha ampla colección de obras que inclúe desde un fondo antigo de prensa ata diferentes publicacións de narrativa, poesía, teatro, biografías, ensaio, libros de viaxes, xuvenil, banda deseñada, libros de idiomas, lecturas escolares ou o Fondo Pontevedra, con obras sobre a cidade e unha colección accesible con materiais adaptados a persoas con diferentes disfuncións lectoras.

Trátase dun fondo que, tal e como incidiu Anxo M. Lorenzo, foise enriquecendo ao longo da súa historia con numerosas adquisicións que conforman o fondo especial con incunables dos séculos XVI, XVII e XVIII, depósitos da colección da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e a Colección Sampedro, libros en homenaxe a Losada Diéguez, parte da biblioteca das irmás Mendoza ou fondos da biblioteca do profesor Carlos Villar, entre outras.

O representante autonómico recordou que esta actuación está enmarcada no compromiso da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de “apoiar e velar polo correcto desenvolvemento do sistema bibliotecario de Galicia, dotándoo de mobiliario e equipamento necesario para o cumprimento das súas funcións”, indicou. Neste caso, a Biblioteca Antonio Odriozola é unha das sete bibliotecas de xestionadas polo Goberno autonómico, xunto coa Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura, a Biblioteca Miguel González Garcés na Coruña, a Biblioteca de Lugo, a Biblioteca Nós en Ourense, a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela e a Biblioteca Juan Compañel de Vigo.

Imaxes relacionadas