A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitaron hoxe a nova terminal de autobuses e a pasarela con representantes da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade

A Xunta analiza con Cogami os elementos que garanten a accesibilidade da estación intermodal de Santiago

Os desprazamentos de persoas con mobilidade reducida facilítanse a través de ascensores ás dársenas e coas ramplas de acceso desde a cidade ao complexo intermodal e de conexión entre a estación de autobuses e a de ferrocarril

A terminal de autobuses dispón de percorridos podotáctiles para persoas cegas ou con limitacións de visión e ten en conta as necesidades especiais de diferentes colectivos, incluíndo baños para usuarios ostomizados

A Xunta culminou a execución da estación de autobuses e este mes rematará a pasarela, achegando 12 millóns de euros dos 16 investidos en total na intermodal

O traslado da actividade da estación de autobuses está pendente de que o Concello de Santiago formalice os contratos dos servizos necesarios
 

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2021

A Xunta analizou hoxe coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) os distintos elementos que garanten a accesibilidade da estación intermodal de Santiago.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitaron as instalacións da nova terminal de autobuses con representantes da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, encabezados polo seu presidente, Anxo Queiruga. Na visita tamén participaron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor López, o coordinador da área de accesibilidade de COGAMI e a coordinadora técnica da Asociación de Persoas con Discapacidade de Compostela e comarca (Amico).

O percorrido pola nova estación de autobuses, rematada a principios deste mes, e pola pasarela, cuxas obras finalizarán tamén en marzo, responde ao interese de COGAMI por coñecer as novas instalacións e por avaliar as medidas que se teñen disposto para facilitar a accesibilidade. A visita enmárcase na liña de colaboración que vén mantendo a Xunta con este colectivo a prol dunha maior accesibilidade no transporte, tanto a través das infraestruturas, como as estacións intermodais, como dos servizos.

Os representantes da entidade puideron comprobar o traballo da Xunta para facer accesibles as instalacións e facilitar os desprazamentos de persoas con mobilidade reducida, a través da disposición dos ascensores nos accesos desde o edificio de viaxeiros ata as dársenas; así como a través da rampla exterior urbana para a conexión das estacións de autobuses e de tren, e destas coa cidade.

A nova infraestrutura conta, tamén, con percorridos podotáctiles para persoas cegas ou con limitacións de visión. No deseño da estación de autobuses tivéronse en conta, ademais, as necesidades especiais de diferentes colectivos, por exemplo, coa disposición de baños para usuarios ostomizados.

Durante a visita, os representantes de COGAMI puideron coñecer o novo edificio da estación de autobuses, de 2 andares, cun total de 36 dársenas e unha superficie que supera os 13.000 metros cadrados. Tamén comprobaron os últimos retoques que se están a levar a cabo na pasarela de conexión peonil entre os barrios do Ensanche e Pontepedriña que e, á súa vez, permitirá a conexión entre a estación de ferrocarril e a nova estación de autobuses.

Estas actuacións, tanto a estación de autobuses financiada integramente pola Xunta, como a pasarela, que executa a Xunta pero que tamén cofinancia o Concello e ADIF, supoñen un investimento total de 16 millóns de euros, dos cales o Goberno galego achega máis de 12 millóns. O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Unha vez que finalicen os traballos da pasarela, neste mesmo mes de marzo, queda pendente para a posta en servizo da nova infraestrutura que o Concello de Santiago formalice os contratos dos servizos necesarios para o correcto funcionamento da estación, como limpeza, seguridade ou información.

Para completar a estación intermodal é preciso tamén que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana elimine a cláusula dos 3,5 millóns de viaxeiros establecida como requisito para acometer as obras da reforma ferroviaria, imprescindibles para a cidade e o seu futuro, unha vez que a Xunta cumpriu cos seus compromisos.
 

Imaxes relacionadas