O conselleiro do Medio Rural foi o encargado de clausurar a xornada técnica “Queixos galegos con DOP - Irmáns de leite” na localidade lucense de Palas de Rei

A Xunta aposta por aumentar a produción das denominacións de orixe de queixo galegas e por mellorar o seu posicionamento no marco da estratexia do sector lácteo

Ante representantes das catro DOP dos queixos, José González púxoas como exemplo da transformación do leite en produtos de alto valor engadido que xeran riqueza na nosa comunidade

Nesa liña, cabe lembrar que se veñen de convocar case 400.000 euros en axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias

Palas de Rei (Lugo), 22 de marzo de 2021

A Xunta aposta por aumentar a produción das denominacións de orixe de queixo galegas e por mellorar o seu posicionamento no marco da Estratexia do sector lácteo. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, na clausura da xornada técnica “Queixos galegos con DOP - Irmáns de leite”, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias, polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos.

O acto estaba dirixido a un grupo de queixeiros tradicionais do concello lucense de Palas de Rei, coa finalidade de abordar a experiencia produtiva de cada un deles e a importancia das marcas de calidade diferenciadas como potenciadoras da distribución destes produtos. Así, na xornada técnica puideron coñecer de primeira man o bo facer dos representantes das DOP Queixo Tetilla, Cebreiro, Arzúa Ulloa e San Simón da Costa premiados cos ouros na Cata dos Queixos de Galicia 2020.

Ante todos eles, o conselleiro puxo en valor cada unha das formas tradicionais que adquire un produto de calidade extraordinaria como é o queixo, así como a relevancia destas catro denominacións de orixe no marco do sector lácteo galego. Nesa liña, lembrou que Galicia destaca como unha das dez principais rexións leiteiras de Europa, producindo o 40% do leite de toda España e albergando máis da metade das explotacións lácteas do total nacional.

Co obxectivo de consolidar aínda máis este sector clave para a economía galega, José González apostou por continuar impulsando a transformación do leite en produtos de alto valor engadido que xeren riqueza na nosa comunidade. É o caso dos queixos galegos con selo de calidade polo que cómpre -dixo o titular de Medio Rural- aumentar o peso destes produtos na transformación industrial, avogando por optimizar os procesos de elaboración e poñendo en valor as súas características diferenciadoras relacionadas co territorio e co seu proceso de elaboración.

Ademais de á Estratexia de dinamización do sector lácteo galego, o conselleiro tamén se referiu á futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia -actualmente en trámite parlamentario- e aos instrumentos de mobilización que permitirán proporcionar máis base territorial aos agricultores e gandeiros que así o demanden, posibilitando que os novos emprendedores dispostos a investir no rural teñan onde e como facelo. Nesa dirección, José González sinalou que esta reforma lexislativa persegue recuperar parcelas en estado de abandono ou infrautilización para dar lugar a nova actividade agrogandeira e forestal con valor engadido.

Apoio da Xunta á calidade

Cómpre lembrar que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, vén de convocar 375.804 euros en axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias, como é o caso das DOP dos queixos galegos. O prazo de presentación de solicitudes prolongarase ata o 16 de abril.

Poderán ser obxecto destas achegas as actuacións encamiñadas ao control da calidade e da orixe dos produtos das denominacións de orixe, das indicacións xeográficas ou da agricultura ecolóxica. Tamén poderán recibir subvención -entre outros- os estudos, as investigacións e o desenvolvemento de programas para a mellora da calidade dos produtos obxecto de protección ou os gastos relacionados coa acreditación do consello regulador e para o seu mantemento.

Estas axudas permitirán aos consellos reguladores manter o elevado nivel de rigorosidade necesario na realización das súas tarefas de control da orixe e da calidade dos produtos que certifican, rigor que é clave para a reputación das nosas denominacións de orixe e indicacións xeográficas e, en xeral, para a reputación do noso sistema de control da calidade.

Imaxes relacionadas