A Xunta inicia as obras de estabilización do muro do aparcadoiro do Hospital Materno Infantil da Coruña

As actuacións consistirán na reconstrución do muro que sufriu desprendementos como consecuencia do mal estado dunha tubaxe e das fortes chuvias de decembro

Os traballos inclúen a reposición dun tramo de beirarrúa deteriorada e a colocación dunha varanda de protección de peóns

Os traballos, adxudicados por máis 48.000 euros, teñen un prazo dun mes

A Xunta executou o ano pasado a mellora do firme no acceso aos aparcadoiros deste hospital e puxo en servizo nesta contorna 23 prazas de estacionamento

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou hoxe as obras de estabilización e mellora do muro do aparcadoiro do Hospital Materno Infantil da Coruña.

As actuacións consistirán na reconstrución do muro que sufriu desprendementos como consecuencia do estado dunha tubaxe existente na zona e das fortes chuvias de decembro.

O obxectivo dos traballos que se van levar a cabo é reforzar a estabilidade desta infraestrutura coa fin de garantir a seguridade nesta contorna.

As obras, adxudicadas á empresa Construcciones Leonardo Miguelez, S.L. por máis 48.000 euros, teñen un prazo dun mes.

A reparación comezará coa retirada do material para a posterior execución do muro co correspondente recheo. A continuación, construirase o muro de coieira e reporanse os servizos afectados como o alumeado público, o abastecemento ou a xardinería.

Tamén se reporá o tramo de beirarrúa afectado, mediante a nova instalación de bordo prefabricado de formigón e pavimento de baldosa hidráulica. Ademais colocarase unha varanda de protección de peóns.

Cómpre lembrar que a Xunta executou o ano pasado obras de mellora do firme no acceso aos aparcadoiros do Hospital Materno Infantil e puxo en servizo nesta contorna 23 prazas de aparcadoiro. Estas actuacións forman parte dun contrato maior que recolle a mellora nos accesos noutros hospitais públicos da provincia, como os de Santiago, Ferrol, Cee e o Barbanza, cun orzamento global de 1 millón de euros.

O Goberno galego continúa traballando para favorecer a mobilidade na contorna dos centros hospitalarios, ofrecendo unha mobilidade máis cómoda e segura, tanto para os pacientes, como para o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións.

Imaxes relacionadas