A Xunta adxudica as obras da nova senda peonil e ciclista entre Bagüín e Seixo no concello de Marín

A actuación, contratada por preto de 565.000 €, prevé o seu comezo na segunda quincena de abril, co obxectivo de rematala a finais de ano ou principios de 2022

Construirase unha senda de preto de 1 quilómetro pola marxe dereita da estrada PO-551 en formigón coloreado e mellorarase o acceso á praia de Aguete

Este itinerario súmase a outros en servizo neste municipio como o que conecta Vilaseca e Lapamán, tamén na PO-551, ou entre Coirados e Pardavila, na PO-313

Estas actuacións enmárcanse no Plan de sendas na comarca do Morrazo, que recolle a execución de itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe cun investimento de máis de 4,5 M€
 

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras para executar unha nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-551, entre Bagüín e Seixo, no concello de Marín.

A intervención foi adxudicada á empresa Petrolam Infraestructuras, S.L. por importe de preto de 565.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé o comezo das obras na segunda quincena de abril. O prazo de execución dos traballos é de 9 meses, polo que se estima a súa finalización entre finais deste ano ou principios de 2022.

Trátase dunha nova senda de case 1 quilómetro pola marxe dereita da estrada, en formigón coloreado, cun ancho mínimo de 1,80 metros. Disporá dunha pequena estrutura en voladizo na zona onde existe unha obra de paso.

Ademais, para facilitar o cruce entre a senda existente pola marxe esquerda da estrada, disporase un paso de peóns con semáforo con pulsador, antes da parada de autobús.

No marco deste proxecto tamén se mellorará o acceso á praia de Aguete, ampliando a plataforma da estrada coa fin de facilitar as manobras, mellorar a mobilidade na zona e reforzar a seguridade viaria.

Este itinerario súmase a outros en servizo neste municipio, como o que conecta Vilaseca e Lapamán, executado nesta mesma estrada autonómica, na PO-551.

Tamén está xa á disposición dos veciños a senda entre Coirados e Pardavila, na estrada autonómica PO-313, cun investimento da Xunta de 715.000 euros. Esta senda de preto de 2 quilómetros, executada pola marxe esquerda da estrada, comeza á saída da travesía de Marín, dá continuidade ás beirarrúas existentes e chega ao lugar de Pardavila, unha vez pasado o enlace coa variante de Marín.

Estes itinerarios enmárcanse no Plan de sendas da comarca do Morrazo, que recolle a execución de itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe cun investimento superior aos 4,5 millóns de euros. As actuacións son cofinanciadas con fondos FEDER 2014/2020