A Xunta licita por preto de 73.000 euros a restauración do retablo maior da Igrexa de Santiago en Pontedeume

A actuación prevista ten por obxectivo resolver as patoloxías detectadas no retablo para garantir a súa conservación

O prazo previsto para a execución das obras é de seis meses
 

Pontedeume (A Coruña), 22 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou a Igrexa de Santiago en Pontedeume para anunciar que a Xunta de Galicia licitará hoxe mesmo a restauración do seu retablo maior. Esta actuación conta cun orzamento de preto de 73.000 euros e ten por obxectivo resolver as patoloxías detectadas no retablo para garantir a súa conservación.

O templo −que se atopa no Camiño Inglés− está protexido polo seu valor cultural ao estar incluído no catálogo de protección do PXOM. Así mesmo faise mención ao seu valor cultural na declaración da comarca eumesa como conxunto histórico. A actuación prevista encádrase dentro da aposta das competencias da Consellería de Cultura, Educación e Universidade por conservar o patrimonio cultural de Galicia.

As principais actuacións consistirán na limpeza e recuperación da imaxe de Santiago Sedente e o sagrario, na adecuación da zona do sagrario antedita para continuar a lectura do banco pétreo (axuste dos sillares en relación co banco existente, encintados con morteiro de cal), na limpeza da superficie, no reforzo dos elementos metálicos e ancoraxes, tratamentos na estrutura, na restauración dos lenzos, na limpeza de vernices oxidados, nos repintes puntuais e reintegración cromática e na realización dun fondo e unha cruz para a desaparecida fornela central, co obxecto de recuperar unha lectura unitaria do conxunto.

A igrexa de Santiago da súa traza orixinal só se conserva a capela maior, edificada en 1538, por encargo de Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas. Debido a un incendio no tempo foi reconstruído no século XVIII, baixo o mandato do arcebispo Raxoi. Caracterízase por contar cunha gran bóveda estrelada.

Para poder desenvolver estes traballos a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, asinou un convenio de colaboración coa Arquidiocese de Santiago de Compostela para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos en toda Galicia.

Imaxes relacionadas