O conselleiro do Medio Rural participou en Lugo no acto do Día internacional dos bosques organizado pola Asociación provincial da primeira transformación da madeira

A Xunta destaca que Galicia é líder nacional en certificación forestal

José González, que estivo acompañado polo director de Xera e polo delegado territorial, salientou que Galicia dispón do 30% da superficie nacional certificada polo sistema FSC e achegou no 2020 o 60% do monte con selo PEFC en España

Lembrou que a Xunta investirá este ano máis de 30 millóns de euros en axudas para fomentar este sector, no que Galicia é punteira dentro do Estado

Lugo, 22 de marzo de 2021

Galicia é líder dentro de España en materia de certificación forestal. O pasado ano a nosa comunidade aportou o 60% da superficie incorporada ao sistema de certificación PEFC e ademais o 87% dos novos silvicultores certificados con este selo durante o 2020 no conxunto do Estado son galegos. A maiores, Galicia ten o 30% das superficies certificadas polo outro sistema internacional (FSC) en toda España.

Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, no acto conmemorativo do Día internacional dos bosques, organizado pola Asociación de empresarios da primeira transformación da madeira de Lugo, no que tamén participaron o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Na súa intervención, o conselleiro salientou a potencia e o dinamismo do sector forestal galego, que é punteiro en España, e destacou tamén que a nosa comunidade conta con máis de dous millóns de hectáreas de monte. Puxo en relación esta riqueza co Plan Forestal de Galicia 2021-2040, cara a neutralidade carbónica, que está a impulsar a Xunta en colaboración coas asociacións sectoriais. Entre elas resaltou esta de Lugo, que agrupa 272 das máis de 2.000 empresas forestais de Galicia.

O titular de Medio Rural sinalou ademais que, para impulsar o sector forestal, o Goberno galego investirá este ano máis de 30 millóns de euros en diferentes liñas de axudas. Entre elas fixo especial mención ás destinadas a fomentar a boa gobernanza nos montes veciñais en man común que, dixo, teñen unha gran importancia na nosa terra. En parecidos termos, o conselleiro destacou tamén que Galicia dispón xa de 300.000 hectáreas de monte ordenado, que contan con máis de mil instrumentos aprobados de ordenación ou xestión forestal.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural