O conselleiro de Sanidade agradece ao Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra a súa implicación no proceso de cribado poboacional da covid nesta provincia

A intención da Xunta é estender esta iniciativa a toda Galicia, xa que cre nesta complementariedade entre o sistema público de saúde e as oficinas de farmacia para dar servizos sanitarios á poboación

O día 8 de marzo Sanidade ensaiou un cribado intensivo en Cambados, no que chamouse a participar a máis de 5.000 cidadáns de entre 40 e 64 anos. Nunha semana, do 8 ao 15, 3.405 persoas foron cribadas

En febreiro comezouse a procesar PCR en saliva a través das farmacias da provincia de Pontevedra e, neste mes de marzo, estendeuse á provincia da Coruña

A semana pasada comezou no municipio de Arteixo, esta semana pasa a funcionar tamén en Culleredo e, en vindeiras datas, chegará ao resto da provincia coruñesa
 

Cambados (Pontevedra), 22 de marzo de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou hoxe, acompañado da presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba Soutelo, aos farmacéuticos de Cambados adheridos ao programa de cribado de detección do coronavirus, para agradecer ás farmacias deste concello, e ao Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra, a súa implicación no proceso de cribado poboacional que se desenvolveu en toda a provincia e, con especial intensidade, neste concello. O acto contou, así mesmo, coa presenza do delegado territorial da Xunta, Luis López Diéguez.

O pasado 9 de febreiro, preto de 400 farmacias desta provincia comezaron a colaborar coa Xunta para recoller mostras de saliva que logo son enviadas ao laboratorio do Hospital Álvaro Cunqueiro, para que, mediante a técnica do pooling, se analicen e se poidan detectar precozmente casos positivos en persoas asintomáticas.

O día 8 de marzo Sanidade ensaiou un cribado intensivo en Cambados, no que chamouse a participar a máis de 5.000 cidadáns de entre 40 e 64 anos. Nunha semana, do 8 ao 15, 3.405 persoas foron cribadas, o que supón unha participación de máis do 60%. Este volume de participación significa que, entre as 4 farmacias cambadesas, procesaron cada días máis de 400 probas. Un labor que realizaron, ao igual que o resto das farmacias da provincia, dun xeito totalmente gratuíto, e por iso, o conselleiro expresoulles o agradecemento da Xunta de Galicia.

 


Galicia pioneira na colaboración coas farmacias

O conselleiro de Sanidade remarcou que as farmacias son centros sanitarios e, nun momento de pandemia, a Xunta de Galicia sempre tivo claro que podía e debía contar con elas para colaborar na loita contra a covid.

Galicia foi a primeira comunidade en asinar unha colaboración coas farmacias, xa en outubro do pasado ano, cando se puxo en marcha un cribado con test de anticorpos nas farmacias da provincia de Ourense.

En febreiro comezouse a procesar PCR en saliva a través das farmacias da provincia de Pontevedra e, neste mes de marzo, estendémolo á provincia da Coruña. A semana pasada comezou no municipio de Arteixo, esta semana pasa a funcionar tamén en Culleredo e, en vindeiras datas, chegará ao resto da provincia coruñesa.

A intención da Xunta é estender este programa a toda Galicia xa que cre nesta complementariedade entre o sistema público de saúde e as oficinas de farmacia para dar servizos sanitarios á poboación.

A tal efecto, o Goberno galego ten en proceso de recollida de suxestións o texto do futuro decreto que regulará os sistemas personalizados de dosificación a través dos que as farmacias poderán axudar aos pacientes a organizar os seus tratamentos farmacolóxicos. Trátase do resultado da Lei de ordenación farmacéutica de Galicia que a Xunta impulsou e que se aprobou na pasada lexislatura, e que parte da vontade de colaboración entre a administración e profesionais da farmacia, abrindo varias posibilidades que non estaban reguladas, e que agora se queren poñer en marcha, para acadar o desenvolvemento completo da lei.
 

Imaxes relacionadas