Gonzalo Trenor supervisa o remate das obras das sendas en Fontán e entre Mandín e As Torres, nos concellos de Sada e Oleiros

Construíronse 2 itinerarios mixtos nas estradas autonómicas AC-163 e AC-182, de 2 metros de ancho que suman case 1 quilómetro de novas sendas

Esta actuación, que contou cun orzamento de 500.000 euros, busca promover unha mobilidade sustentable e segura, favorecendo os desprazamentos cotiás dos veciños
 

Sada (A Coruña), 22 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou esta mañá as obras que están a piques de rematar dos itinerarios peonís e ciclistas nas estradas autonómicas AC-163, en Fontán, e AC-182, entre Mandín e As Torres, ao seu paso polos municipios de Sada e Oleiros. Os traballos contaron cun orzamento de 500.000 euros.

Na estrada AC-163, que comunica Sada e Mera, estanse rematando os últimos detalles do construción dun itinerario peonil en Fontán, desde o punto en que finaliza a actual beirarrúa deste núcleo e a intersección coa estrada provincial DP-7506, no punto quilométrico 1+840.

Esta senda no municipio de Sada ten máis de medio quilómetro de lonxitude e executouse pola marxe esquerda da estrada, salvo un pequeno tramo pola dereita. O itinerario, de 2 metros de ancho, é de formigón coloreado. Ademais executáronse tamén obras complementarias, como a instalación de rede de drenaxe e a reposición de peches e accesos afectados.

O segundo treito executouse na marxe dereita da estrada AC-182, de Espírito Santo a Oleiros. A intervención iniciouse en Soñeiro, no punto en que rematan as actuais beirarrúas no límite entre os concellos de Sada e Oleiros, e finaliza nas Torres, á entrada de Oleiros, comunicando dous tramos que percorren este último municipio.

Esta nova senda, que xa contaba nalgúns subtramos con beirarrúas que se integran no tramo, construíuse nun itinerario de 340 metros de lonxitude. Neste caso a sección tipo conta tamén cun ancho de 2 metros e nos últimos 100 metros irá separada da calzada mediante unha cuneta transitable para resolver o desaugue das augas pluviais. A estrada xa conta con rede de pluviais, polo que unicamente foi necesario colocar algún sumidoiro adicional.

Esta actuación ten por obxectivo apostar por unha mobilidade sustentable e segura, favorecendo os desprazamentos cotiás dos veciños Estas novas sendas forman parte do Plan de sendas de Galicia, na comarca da Coruña, cofinanciadas con fondos FEDER 2014/2020.
 

Imaxes relacionadas