A Policía Autonómica realizou 177 inspeccións e tramitou 28 denuncias durante a ponte de San Xosé na provincia de Pontevedra nos controis de medidas ante a covid-19

Os 55 dispositivos despregados enmárcanse no plan de actuacións específicas destinadas a evitar a propagación do coronavirus, no marco da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias

Os dispositivos leváronse a cabo nos municipios de Barro, Catoira, Covelo, A Illa de Arousa, Marín, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Poio, Pontevedra, Portas, Redondela, Ribadumia, Silleda, Valga, Vigo e Vilaboa
 

Pontevedra, 22 de marzo de 2021

Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo durante a pasada Ponte de San Xosé un total de 55 dispositivos e 177 inspeccións na provincia de Pontevedra no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes fronte á covid-19. Ao abeiro destes controis, os axentes actuaron en 18 concellos da provincia nesta fin de semana e tramitaron un total de 28 denuncias por outras tantas infraccións.

En base a este Plan, a Policía Autonómica destinou efectivos entre o 18 e o 21 de marzo para controlar que se están a cumprir as medidas vixentes para frear a expansión do virus. Os dispositivos leváronse a cabo nos municipios de Barro, Catoira, Covelo, A Illa de Arousa, Marín, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Poio, Pontevedra, Portas, Redondela, Ribadumia, Silleda, Valga, Vigo e Vilaboa.

En canto á tipoloxía das denuncias cursadas polo corpo autonómico, a meirande parte delas correspondéronse co incumprimento do uso obrigatorio da máscara, cun total de 15 infraccións, mentres que as restantes foron polo incumprimento do toque de queda (10), a falla de cartelería informativa obrigatoria co código de localización QR (2) e a superación do límite perimetral (1).

No conxunto da comunidade galega, os axentes actuaron nun total de 48 concellos, nos que que se rexistraron 147 operativos cun total de 366 inspeccións, con 481 persoas identificadas e 103 denuncias tramitadas. Estes dispositivos enmárcanse no seo da colaboración xeral entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias, e que está a intensificarse para o control das medidas fronte á covid-19.

Durante os operativos, os axentes controlaron que nos establecementos abertos ao público se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais ou a prevención do botellón, entre outras tarefas.