A Xunta de Galicia asina co Concello de Soutomaior un protocolo para a construción dun novo centro de saúde

O Goberno galego comprométese á construción desta infraestrutura, unha vez o concello remate os trámites urbanísticos para ceder unha parcela, que xa foi inspeccionada polos técnicos do Sergas, e cumpre con todos os requisitos

Soutomaior (Pontevedra), 22 de marzo de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera Ocampo, asinaron hoxe un protocolo de colaboración, para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde neste concello da provincia de Pontevedra.

A parcela que propón o concello, permitirá construír un centro de máis de 1.500 metros cadrados, e a área sanitaria do Sergas en Pontevedra vén de propoñer un plan funcional para este centro no que haberá unha sala de técnicas, unha sala polivalente, ou mesmo unha sala de xuntas, que agora mesmo son imposibles no centro actual.

O novo centro de saúde tamén posibilitará mellorar a situación actual, permitindo separar a sala de extracións da de urxencias e, igualmente, separar a sala de espera de pediatría da xeral destinada ao resto de pacientes, ou ampliar a sala de educación maternal.

A nova instalación sanitaria que a Xunta de Galicia ten previsto construír neste concello tamén terá espazo para acoller novas consultas de medicina e de enfermería no caso de aumentar o cadro de persoal, algo que é probable dado o número de tarxetas sanitarias neste concello.

En definitiva, hoxe a Xunta de Galicia comprométese á construción dun centro de saúde unha vez o concello remate os trámites urbanísticos para ceder ao Goberno galego unha parcela, que xa foi inspeccionada polos técnicos do Sergas, e cumpre con todos os requisitos, tanto de amplitude como de dotacións municipais e de servizos.

Esta actuación en Soutomaior vai permitir renovar unha infraestrutura como o centro de saúde de Arcade, e vai posibilitar unha atención integral a máis de 5.600 pacientes.

Renovación de infraestruturas

A sinatura do protocolo de hoxe significa dar un paso máis na renovación da infraestrutura da atención primaria. Así, dende 2009, a Xunta construíu ou reformou un total de 80 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 67.000 metros cadrados.

Na provincia de Pontevedra, nos últimos anos, puxéronse en marcha novos centros de saúde en Salceda, Gondomar, Tui, Oia, Panxón (Nigrán), Vilalonga (Sanxenxo), ou San Paio de Navia (Vigo), e importantes reformas na Illa de Arousa, Pazós de Borbén, Crecente, Tomiño, Vilaboa, e en varios centros de primaria de Vigo.

En total, entre as 80 obras xa rematadas e as 11 que están en marcha, a Xunta xa investiu nestes 12 anos, máis de 100 millóns de euros na mellora das infraestruturas de atención primaria en Galicia.

Sinalar, ademais, que os orzamentos da Xunta para o presente ano, contemplan un incremento do 108% no capítulo de investimentos para atención primaria, pasando de 26 millóns de 2020 a 55 millóns en 2021.

Só na provincia de Pontevedra, a Xunta vén de poñer en marcha un novo centro de saúde na Estrada e estanse rematando reformas, por medio de convenios cos concellos, en Cambados, Mondariz-Balneario e Covelo. Ademais, acaba de adxudicarse a construción dun novo Centro Integral de Saúde en Lalín; vaise licitar unha ampliación do centro de saúde de Porriño; está en obras o novo centro de saúde de Bouzas en Vigo; e están adxudicados os proxectos do novo centro de saúde de Moaña e do novo CIS Olimpia Valencia de Vigo.

A Xunta de Galicia ten intención de continuar esta renovación integral da atención primaria con dúas iniciativas. Un Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria, no que definiranse as actuacións prioritarias do Sergas; e unha reforma organizativa deste nivel asistencial que aposte por un modelo máis resolutivo e máis multidisciplinar.

Imaxes relacionadas