A conselleira de Medio Ambiente mantivo unha reunión coa Asociación Aproca

Ángeles Vázquez escoitou as demandas deste colectivo, que lle trasladaron a necesidade de avanzar nunha administración electrónica e sinxela

Outro dos temas abordados foi a nova instrución aclaratoria sobre como tramitar cambios de aproveitamento forestal en terreos localizados fóra da Rede galega de espazos protexidos

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, agradeceu o apoio dos membros da Asociación de propietarios rurais para a xestión cinexética e conservación do medio ambiente (Aproca) á postura que defende a Xunta sobre a non inclusión do lobo no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe).

A conselleira de Medio Ambiente vén de manter un encontro no que, ademais de escoitar as súas demandas, lles informou dos pasos e xestións realizadas pola Consellería para frear a iniciativa do Goberno central. Recordou que recentemente enviou a todos os concellos a carta aberta de rexeitamento á proposta, para sumar o apoio do municipalismo e que o Estado desista de elevar o actual nivel de protección desta especie ao norte do río Douro.

Por outra banda, en relación co xabaril abordaron dúas cuestións de interese para os propietarios rurais, quen trasladaron á conselleira á necesidade de atoparse cunha administración máis sinxela en cuestións de caza. Nese sentido, solicitaron unha simplificación da plataforma que empregan para reportar os datos das batidas de xabaril realizadas. A conselleira comprometeuse a analizar coa Dirección Xeral os posibles cambios para acadar unha administración máis electrónica, accesible e práctica.

A segunda das cuestións tratadas foi a necesidade de establecer accións e medidas de caza para frear a expansión e proliferación do xabaril e, sobre todo, para evitar danos nos cultivos.

Instrución aclaratoria

A conselleira tamén lles informou da instrución aclaratoria que se acaba de publicar, co fin de resolver posibles dúbidas sobre como deberán tramitarse os posibles cambios de aproveitamento forestal en terreos localizados fóra da Rede galega de espazos protexidos e que supoñen, aproximadamente, 1,5 millóns de hectáreas. O obxectivo é clarexar que a implantación dun pasteiro nun terreo forestal non é un cambio de uso a efectos da súa tramitación, de tal xeito que non ten que someterse a avaliación ambiental.

Ángeles Vázquez destacou que esta instrución quere arroxar luz sobre estas actuacións que en ocasións se confunden cun novo aproveitamento, distinto do orixinal, pasando por alto que a plantación de pastos en terreos forestais segue a ter o mesmo carácter e non supón un cambio a usos agrícolas.

Imaxes relacionadas