A Xunta adxudica por máis de 845.000 euros as obras dunha nova senda entre Carballo e Coristanco

A actuación comezará na segunda quincena de abril e o obxectivo é poder rematala a finas deste ano, xa que o prazo de execución é de 8 meses

O itinerario para peóns e ciclistas non deportivos, que ten unha lonxitude de 2,5 km, iníciase á saída de Carballo e remata no comezo das beirarrúas de Coristanco

Esta actuación culmina o Plan de Sendas da comarca de Bergantiños, que suma 11 quilómetros de itinerarios seguros e sostibles, cun investimento de case 5 M€

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de construción dun novo itinerario para peóns e ciclistas non deportivos entre Carballo e Coristanco por máis de 845.000 euros.

O contrato, adxudicado á empresa Construcciones López Cao, S.L, conta cun prazo de execución de 8 meses.

As obras, que se desenvolverán na marxe da estrada autonómica AC-552, comezarán a executarse na segunda quincena de abril, co obxectivo de telas rematadas a finais deste mesmo ano.

Trátase dun novo itinerario de uso compartido, para peóns e ciclistas non deportivos, que permitirá reforzar e compatibilizar a seguridade viaria de todos os usuarios da estrada, con especial atención aos máis vulnerables.

O itinerario de preto de 2,5 km de lonxitude iniciarase á saída de Carballo e rematará no punto no que comezan as beirarrúas do municipio veciño de Coristanco. Prevense dous treitos actuando, tanto na marxe esquerda da estrada, como polo lado dereito.

Pola marxe esquerda, serán case 1,9 km de nova senda que irán desde a saída de Carballo ata conectar coa beirarrúa existente en Montecelo, xa en Coristanco, continuando a beirarrúa ata o núcleo de Coristanco.

Pola marxe dereita da estrada, habilitarase unha senda ata as inmediacións da fábrica de Calvo de aproximadamente 600 metros.

Co obxectivo de darlle continuidade ao itinerario sobre o río Grande, executarase unha pequena pasarela adosada ao viaduto existente.

O proxecto tamén prevé traballos de pavimentación, drenaxe de augas pluviais, xunto coa execución dalgúns servizos en previsión de futuras canalizacións de telecomunicacións e alumeado.

Esta intervención completa o Plan de Sendas da Xunta para a comarca de Bergantiños, dado que os outros 6 itinerarios previstos xa están executados.

En total, a Xunta impulsou a execución de 11 km de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe cun investimento de preto de 5 millóns de euros. A execución destas actuacións está cofinanciada con fondos FEDER 2014/2020.