A Xunta adxudica as obras para a execución dunha nova senda na estrada AC-133 entre Franza e Rilo, no Concello de Mugardos

Os traballos, contratados por máis de 380.000 euros, prevén o seu comezo na segunda quincena de abril e o obxectivo é executalos este mesmo ano

Actuarase en dous tramos da vía que une Fene e Mugardos: na marxe dereita, desde a glorieta de conexión entre a AC-113 e a V.G.-1.2, ata Rilo; e pola esquerda, desde o punto quilométrico 9+820 ao 9+910

Atendendo ás achegas trasladadas prolongaranse os treitos de senda ata entroncar co itinerario peonil actual, dispoñendo novos pasos de peóns

Este novo itinerario completa o Plan de Sendas na comarca de Ferrol, que recolle 10,7 km de itinerarios peonís e ciclistas cun investimento de case 3,5 M€

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras para executar a nova senda peonil e ciclista na estrada AC-133, entre Franza e Rilo, no concello de Mugardos.

A intervención foi adxudicada á empresa F. Gómez y Cía. S.L. por máis de 380.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé o comezo das obras na segunda quincena de abril. O prazo de execución das obras é de 8 meses, polo que finalizarán aproximadamente a finais deste ano.

O proxecto ten como finalidade a execución dunha senda compartida, para uso de ciclistas non deportivos e peóns, paralela á estrada autonómica que comunica Fene e Mugardos.

A intervención proxectada inclúe actuacións en dous treitos da vía autonómica: o primeiro executarase pola marxe dereita, comezando na glorieta de conexión entre a AC-113 e a vía de alta capacidade V.G.-1.2, no entorno do núcleo de Franza, finalizando no núcleo de Rilo.

No segundo treito, actuarase na marxe esquerda da estrada, do punto quilométrico 9+820 ao 9+910, para executar un itinerario polo trazado da cuneta transitable existente na actualidade, que dispón dun ancho insuficiente para a circulación peonil.

Esta actuación incorpora suxestións presentadas ao proxecto inicial, como a prolongación dos itinerarios peonís ata entroncar co itinerario de peóns actual, no entorno da glorieta do punto quilométrico 8+550, dispoñendo novos pasos de peóns con sinalización.

As obras tamén inclúen a reforma da pendente lonxitudinal da senda á altura do punto quilométrico 7+760, coa fin de que teña unha pendente máxima do 6%. Tamén se prevé a reposición dun treito de colector de saneamento na zona de execución dun novo muro, entre os puntos quilométricos 9+820 e 9+910.

Este novo itinerario completa o Plan de Sendas de Galicia na comarca de Ferrol, co que a Xunta promove a construción de itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe. A execución destas actuacións está cofinanciada con fondos FEDER 2014/2020.

En total, o Plan de Sendas na comarca de Ferrol permitirá habilitar 10,7 quilómetros de novos itinerarios seguros para peóns e ciclistas non deportivos en estradas de titularidade da Xunta de Galicia, cun investimento de case 3,5 M€.