O 061 de Galicia asistiu a 56 persoas por 44 accidentes de circulación durante a Ponte de San Xosé

Desde as 15,00 horas do xoves, 18 de marzo, ata as 23,59 horas do domingo, 21 de marzo, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 59 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 22 de marzo de 2021

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a Ponte de San Xosé a 56 persoas debido a 44 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do xoves, 18 de marzo, ata as 23,59 horas do domingo, 21 de marzo. Os días que rexistraron máis incidentes foron o venres e o sábado con 13 sinistros de tráfico ambos os dous.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 59 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 44 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 56 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 73% e do 27% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 34% dos atendidos tiña entre 25 e 39 anos.

Por provincias, Pontevedra foi a máis sinistros rexistrou con 21 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia
Accidentes
A Coruña
12
Lugo
8
Ourense
3
Pontevedra
21
Galicia
44

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 55. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en seis accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 43 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria catro accidente. As ambulancias convencionais atenderon en dúas ocasións.

En 48 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en cinco ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e tres persoas faleceron no punto do sinistro.

Imaxes relacionadas