A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o couto de Rubín, na Estrada, co gallo da primeira xornada hábil para pescar troita

A tempada de pesca comeza nos ríos galegos con novidades como a exención das taxas por licenza para uns 11.000 afeccionados

A conselleira de Medio Ambiente subliña que todos os menores de idade e os maiores de 65 anos se beneficiarán desta medida, recollida na Lei de pesca continental que entrou en vigor o pasado 4 de febreiro

Traslada o seu agradecemento á Federación Galega de Pesca e ás máis de 60 sociedades que xa adquiriron este ano o compromiso de darlle continuidade aos seus convenios de colaboración coa Consellería

A nova orde de axudas dirixida ás entidades de pesca fluvial publicarase mañá no DOG co fin de financiar tarefas de vixilancia nos coutos fluviais e outras actividades de carácter divulgativo e formativo
 

A Estrada (Pontevedra), 21 de marzo de 2021

A nova tempada de pesca comezou hoxe oficialmente na meirande parte dos ríos galegos para os preto de 37.000 afeccionados galegos que contan con licenza en vigor.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá o couto de Rubín, na Estrada, un tramo de 7,2 km no río Curantes desde onde avanzou algunhas das principais novidades da campaña 2021.

Tras lembrar que o pasado 4 de febreiro entraba en vigor a Lei de pesca continental, a responsable autonómica explicou que un dos obxectivos da nova norma é procurar a remuda xeracional dun sector no que a idade media se sitúa entre os 50 e os 70 anos. En concreto, referiuse á creación das escolas de río para garantir a remuda xeracional pola vía da formación e da sensibilización ou ao feito de que os menores de 14 anos non necesiten licenza para poder practicar a pesca, sempre que os acompañe un adulto que si a teña.

Na mesma liña, a conselleira subliñou tamén que, a raíz da entrada en vigor da nova lei, todos os menores de idade, así como os maiores de 65 anos, quedan exentos do pago das taxas correspondentes á obtención da licenza, unha medida que, segundo estimou, beneficiará a uns 11.000 pescadores galegos. Ademais, para axilizar a tramitación e en aras da simplificación administrativa, as licenzas destes dous colectivos (C e C1) manterán ampliada automaticamente a súa vixencia polo prazo dun ano.

Precisamente, co fin de reforzar e facilitar a aplicación efectiva e inmediata desta novidade, a Consellería emitiu unha circular dirixida tanto aos axentes medioambientais como ao persoal dos servizos provinciais responsables da tramitación das licenzas.

A conselleira resaltou a importancia da aplicación desta exención para un sector que conta en Galicia a día de hoxe cun total de 36.919 pescadores con licenzas activas, unha cifra que dá conta da importancia e da tradición que ten esta práctica deportiva na Comunidade.

Neste sentido, Ángeles Vázquez salientou o “labor fundamental” que realizan os pescadores para o coidado e posta en valor dos ríos, agradecendo tamén á Federación Galega de Pesca e ás máis de 60 sociedades que xa adquiriron este ano o compromiso de darlle continuidade aos seus convenios de colaboración coa Consellería.

Con carácter xeral, a campaña rematará o próximo 31 de xullo, estendéndose ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte nos coutos con convenio de colaboración.

Aínda que hoxe comeza a tempada de pesca na maior parte dos ríos no que respecta á troita, nalgunhas cabeceiras de montaña e en augas salmoeiras —pesca de salmón e reo— haberá que esperar un pouco máis, xa que a apertura se realizará o 1 de maio.

Nova orde de axudas para as entidades colaboradoras

Para facilitarlles o desenvolvemento dese traballo, precisamente, a conselleira avanzou que mañá sairá publicada no DOG unha nova orde de axudas dirixida ás entidades colaboradores de pesca fluvial de Galicia para actividades e investimentos de fomento da riqueza piscícola.

Entre as actuacións que se poderán subvencionar grazas a este programa, dotado cun orzamento de 80.000 euros, cómpre mencionar a vixilancia dos tramos de pesca fluvial así como a realización de actividades divulgativas ou formativas, tanto presenciais como telemáticas. As entidades interesadas, segundo explicou a conselleira, terán de prazo un mes para poder presentar as súas solicitudes.

A oferta pesqueira para este ano en Galicia inclúe arredor de 30.000 quilómetros de ríos e unha ampla rede de encoros. Deses 30.000 quilómetros, 27.000 correspóndense con zonas libres (un 89,7% do total) e 1.183 km con vedados.

Ademais, os tramos libres de pesca sen morte pasan dos 99 da campaña pasada aos 102 da actual, o que supón 46 quilómetros máis que en 2020. En concreto, dispóñense cinco novos tramos libres sen morte: un de 7,3 km no río Tambre e catro en Lugo (ríos Lóuzara, Mao, Ouro e Valiñadares).

Cómpre subliñar tamén que se amplía o tramo libre de pesca sen morte do río Ourille e está aberto á pesca o tramo 3 do couto de Mondariz.

Imaxes relacionadas