A Xunta inicia a vindeira semana novos traballos de roza e limpeza en catro estradas das provincias de Ourense e de Lugo

Comezan as limpezas e rozas na OU-536, ao seu paso polos concellos de Ourense, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Maceda, Castro Caldelas e A Pobra de Trives; na OU-636, na Pobra de Trives e Larouco; e na OU-637, en Larouco e Petín

Seguirán os labores na OU-533, na Gudiña, Viana do Bolo, na Veiga e na Rúa

Na provincia de Lugo está programada a intervención na vía de altas prestacións CG-2.2 Lugo-Monforte, en Lugo e no Corgo

Continuarán as tarefas na VG.-1.2 en Ares e Mugardos, na provincia da Coruña; e na de Pontevedra, na CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda, e na V.G.- 4.4, en Marín
 

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2021.- A Xunta ten previsto iniciar a vindeira semana novos traballos de roza e limpeza en catro estradas autonómicas, tres na provincia de Ourense e nunha da de Lugo. Ao tempo continuará coas tarefas que nas últimas semanas se están a realizar en distintas vías das provincias da Coruña e de Pontevedra.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses este acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas intervencións, comezarán os traballos na estrada OU-536, ao seu paso polos concellos de Ourense, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Maceda, Castro Caldelas e A Pobra de Trives. Tamén se iniciarán na OU-636, na Pobra de Trives e Larouco; e na OU-637, nos municipios de Larouco e Petín.

Na provincia, proseguirán ademais as tarefas na estrada OU-533, nas localidades da Gudiña, Viana do Bolo, A Veiga e A Rúa.

Na provincia de Lugo, están programados o inicio dos traballos de roza na vía de altas prestacións CG-2.2: Lugo-Monforte, ao seu paso por Lugo e O Corgo.

En canto ás actuacións nas estradas de titularidade autonómica da provincia da Coruña, continuarán os traballos de limpeza e roza na VAP VG.-1.2, en Ares e Mugardos.

Nas estradas autonómicas da provincia de Pontevedra seguirán tamén os labores de limpeza das marxes na vía de altas prestacións na CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda, así como na V.G.- 4.4, en Marín.

As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas autonómicas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.
 

Imaxes relacionadas