Facenda e Administración Pública proporá aos sindicatos que a Oferta de Emprego Público para 2021 se eleve ata acadar as 1.000 prazas de acceso libre

O Goberno galego amplía a proposta que remitiu esta semana aos sindicatos

O conselleiro tamén avanzou que a Xunta lle vai propoñer ás organizacións sindicais reservar 80 prazas para persoas con discapacidade

Deu conta ademais, de que hoxe se iniciaron as primeiras oposicións multisede no recinto feiral de Silleda e no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo

O conselleiro tamén lle pediu ao Goberno central equidade e lealdade institucional para xestionar axeitadamente a pandemia e a recuperación económica

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2021

A Consellería de Facenda e Administración Pública vaille propoñer ás organizacións sindicais que a Oferta de Emprego Público (OEP) para 2021 se eleve ata acadar as 1.000 prazas de acceso libre. O Goberno galego amplía así a proposta que remitiu esta mesma semana aos sindicatos e súmalle ás 635 prazas da taxa de reposición, a oferta adicional de prazas de estabilización e de consolidación de persoal.

Así o anunciou hoxe Valeriano Martínez con motivo da celebración das primeiras oposicións multisede da Xunta que se están realizando de xeito simultáneo no recinto feiral de Silleda e no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

Valeriano Martínez subliñou ademais, que a Xunta tamén proporá a reserva de 80 prazas para persoas con discapacidade. Destas 80 prazas, 20 serán para persoas con discapacidade intelectual nunha clara aposta do Goberno galego pola inclusión das persoas con discapacidade co obxectivo de que acaden unha plena integración social.

E co obxectivo de seguir proporcionando oportunidades de emprego, a Xunta reanudou a semana pasada as oposicións con todas as garantías sanitarias, logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa celebración seguindo protocolos de actuación que garanten a súa realización con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

Esta mañá tivo lugar simultaneamente en Silleda e en Lugo o exame para o grupo A1 de Psicoloxía//I Psicólogo cunha porcentaxe de participación do 65%. Dos 1.252 aspirantes que estaban convocados, presentáronse finalmente 818.

A continuación, pola tarde, ás 16,30 h celebraranse tamén en ambas sedes e de xeito simultáneo, as probas para o grupo A2 Traballador social//II Asistente social nas que están chamadas a participar 1.324 persoas.

Reparto de recursos

Valeriano Martínez aproveitou para pedirlle ao Goberno central equidade e lealdade institucional para xestionar axeitadamente a pandemia e a recuperación económica; e criticou os criterios empregados polo Executivo para o reparto dos recursos para loitar contra a covid-19. “Cada vez que se produce un reparto de carácter territorial, en Galicia estamos saíndo prexudicados”, apuntou.

Neste sentido, explicou que ao longo de todos estes meses de pandemia, o Goberno central realizou varios repartos de fondos procedentes da Unión Europea que se fixeron a feitos consumados, sempre con criterios diferentes e todos eles prexudiciais para Galicia. “Agora o Goberno está empregando de novo os mesmos criterios que para o reparto do fondo REACT-EU e con eses criterios Galicia perde 110 millóns de euros”, subliñou.

Imaxes relacionadas