A Xunta analiza coa frota dedicada á pesca de bacallau a súa situación ante o Brexit e as relacións entre a Unión Europea e Noruega

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo esta semana un encontro con representantes da Asociación de Empresas de Pesca de Bacallau e Especies Afíns e Asociadas (Arbac) e da Asociación Nacional de Armadores de Buques de Pesca de Bacallau (Agarba) na que analizaron a situación desta frota tralo acordo sobre o brexit entre a Unión Europea e o Reino Unido así como ante as relacións entre o Executivo comunitario e Noruega no referente á pesca tanto en augas norueguesas como do arquipélago de Svalbard.

A titular de Mar e os responsables destas dúas asociacións de armadores constataron a necesidade de que tanto a Administración española como as institucións comunitarias defendan os intereses desta frota ante todas as instancias co obxectivo de que poida seguir desenvolvendo a súa actividade con normalidade como fixo nos últimos anos. A representante do Executivo galego enxalzou o bo facer dos buques galegos dedicados á captura de bacallau e lembrou a importancia de que poidan manter as súas posibilidades de pesca en augas norueguesas así como de Svalbard tendo en conta ademais que a súa actividade xa se viu reducida en augas de Terranova como consecuencia das medidas adoptadas para favorecer a recuperación do caladoiro.

Imaxes relacionadas