O director do Instituto de Estudos do Territorio, Francisco Barea, reuniuse co presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz

A Xunta inicia os traballos para definir a rede de itinerarios da nova iniciativa para coñecer Galicia desde a bicicleta

A Consellería de Medio Ambiente e a Federación Galega de Ciclismo colaboran neste proxecto, co obxectivo de divulgar o coñecemento e respecto pola paisaxe a través duns 8.000 km para bicicleta de montaña

Ambas entidades traballarán nun estudo de identificación e cartografiado das rutas
 

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xa iniciou os traballos para definir a rede de itinerarios da nova iniciativa para coñecer Galicia desde a bicicleta.

O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Francisco Barea, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, reuníronse nos últimos días para abordar os trazados das distintas rutas paisaxísticas en bicicleta de montaña que conformarán o traballo definitivo.

Segundo trasladou Barea a Muñiz, unha vez definido ese posible itinerario é preciso comparar a realidade e idoneidade dos trazados escollidos, co fin de que se poidan realizar e marcar os posibles percorridos definitivos, ademais da súa sinalización. E, deste xeito, poñer en valor estas zonas de interese paisaxístico, por ser importantes polo seu itinerario ou por algunha característica especial.

Co impulso desta iniciativa para coñecer a paisaxe de Galicia desde a bicicleta, recoñécese o potencial de arredor de 8.000 km da Comunidade que se poden percorrer sobre dúas rodas. Segundo concretou o director do IET, fóra dos trazados de estradas e camiños existe unha interesante rede de rutas para bicicletas de montaña que ofrece un acceso alternativo e de interese aos valores paisaxísticos de Galicia.

Así, a Xunta e a Federación Galega de Ciclismo colaborarán neste un estudo sobre a identificación e cartografado desta rede de itinerarios, que se recollerán nun documento tipo ou guía, para divulgar e poñer en valor estes puntos, e para o que se prevé un investimento de 24.000 euros.

O director do IET lembrou que esta iniciativa está incluída no Plan estratéxico da paisaxe galega que guiará a acción da Comunidade neste eido nos vindeiros catro anos, para incidir na calidade das paisaxes de Galicia, desde as contornas residenciais ata os espazos naturais máis senlleiros, pasando polas paisaxes agrarias e litorais.
 

Imaxes relacionadas