A Xunta destaca o esforzo e implicación do CTAG por deseñar proxectos para promover a mobilidade eléctrica, autónoma, conectada e sustentable

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse co director do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, Luis Moreno, para avaliar as iniciativas coas que pretende captar fondos europeos

Destacan proxectos como MUS que, liderado polo CTAG, conta coa participación de cinco comunidades autónomas co obxectivo de avanzar na mobilidade urbana sustentable

Anima ao CTAG a seguir colaborando co Goberno galego na identificación de novas propostas que poidan optar aos fondos Next Generation
 

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha reunión co director do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Luis Moreno, para coñecer en detalle os proxectos nos que a entidade está colaborando co obxectivo de conseguir fondos europeos. Conde destacou o seu traballo e implicación para impulsar iniciativas que pretenden promover unha mobilidade eléctrica, autónoma, conectada e sustentable.

Así, Conde puxo en valor o esforzo do CTAG, que formou parte da presentación de máis de 30 proxectos para a captación de fondos europeos Next Generation, participando nas manifestacións de interese emitidas polo Goberno en materia de automoción, mobilidade eléctrica e sustentable ou infraestruturas intelixentes. Subliñou tamén a súa capacidade de traballar en equipo a través de consorcios con todos os actores do tecido industrial do automóbil tanto a nivel autonómico como nacional.

Neste sentido, destaca o proxecto MUS sobre mobilidade urbana sustentable na que participan 18 socios de cinco comunidades autónomas e no que o CTAG é o líder.
O obxectivo deste programa é lograr un impacto na competitvidade do sector, a súa modernización e sustentabilidade a través do vehículo autónomo, os sistemas embarcados, a algoritmia e as plataformas de xestión e instalacións piloto, así como infraestruturas de test de validación.

Outro dos grandes proxectos nos que o CTAG colabora é AutoÁncora, no que participa todo o sector galego co apoio de 70 entidades da Comunidade e que conta coa implicación da Xunta. A iniciativa aposta pola automoción do futuro co foco posto na sustentabildiade, a dixitalización e as novas tecnoloxías e contempla un investimento de ao redor de 1300 millóns de euros

Tanto o Goberno galego como CTAG coincidiron en que este tipo de proxectos son unha oportunidade para Galicia á hora de afianzar as súas capacidades técnicas e humanas e para o desenvolvemento de tecnoloxía e coñecemento, o que permitirá a atracción de proxectos globais e, polo tanto, a captación de novos investimentos e de talento e empregos cualificados.

Imaxes relacionadas