Galicia rexistra 21 adopcións internacionais durante o ano 2020

A provincia da Coruña é a que máis preasignación de menores rexistrou, con 14, seguida de Pontevedra con 5 e Ourense con 2

O número de solicitudes reduciuse en comparación co ano anterior, ao pasar de 47 a 31
 

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2021

Galicia rexistrou 21 adopcións internacionais durante o ano 2020, en plena pandemia pola covid-19. Os procesos de información, valoración e integracións efectivas mantivéronse durante o último ano atendendo sempre aos protocolos sanitarios, o que permitiu que se igualara o número de adopcións con respecto a 2019.

A provincia que maior número de preasignacións de menores rexistrou foi A Coruña con 14; seguida de Pontevedra, con 5; e Ourense con 2. Na provincia de Lugo non se produciu ningunha. Os países de procedencia das nenas e nenos foron: Bulgaria, China, Colombia, Filipinas, Hungría e Vietnam. É convinte sinalar que as adopcións non se completan ata pasado este proceso de preasignacións.

O número de solicitudes viuse reducido ao pasar de 47 no ano 2019 a 31 durante o 2020. A provincia na que se rexistraron un maior número de solicitudes foi A Coruña, con 16; seguida de Pontevedra, con 8; Lugo, con 5; e 2 na provincia de Ourense.

Procesos adaptados á covid-19

Antes de realizar o ofrecemento adoptivo, as familias deben acudir a unha sesión informativa e outras tres formativas. Aínda que durante o primeiro estado de alarma estas sesións víronse interrompidas, durante o segundo semestre do ano retomáronse con normalidade e atendendo ao protocolo de actuación.

O mesmo aconteceu coas valoracións de idoneidade das familias que se realizan mediante encontros presenciais cos técnicos de adopción. Pola súa banda, as integracións efectivas víronse condicionadas pola situación concreta da pandemia en cada país de procedencia e a súa normativa.

Imaxes relacionadas