A Xunta simplifica a tramitación administrativa e os requisitos técnicos que se aplican ás instalacións de xeración asociadas ao autoconsumo

A instrución publicada no Diario Oficial de Galicia distingue entre as instalacións sen excedentes e con excedentes e manterá as mesmas garantías técnicas, xurídicas e medioambientais

O Goberno galego confirma o compromiso, cada vez maior, co uso de enerxías renovables e, en concreto, co autoconsumo, cuxo rexistro conta cun total de 866 instalacións inscritas
 

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2021.- A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha instrución sobre a tramitación administrativa e os requisitos técnicos aplicables ás instalacións de xeración asociadas ás modalidades de autoconsumo reguladas no Real Decreto 244/2019, do 5 de abril. O obxectivo é avanzar na simplificación administrativa mantendo as mesmas garantías técnicas, xurídicas e medioambientais.

A instrución distingue entre as instalacións de xeración na modalidade de subministración con autoconsumo sen excedentes e con excedentes. Para o primeiro caso –cando os dispositivos físicos instalados impiden a inxección de enerxía excedentaria á rede de transporte ou distribución e polo tanto, neste caso, existirá un único tipo de suxeito: o consumidor–, antes da posta en servizo da instalación, procederá unicamente o rexistro da instalación conforme ao establecido no regulamento que lle sexa de aplicación. É dicir, se a instalación é en baixa tensión, rexistrarase no Rexistro de instalacións eléctricas de baixa tensión; e se é en alta tensión, no Rexistro de instalacións eléctricas de alta tensión.

Para o segundo caso, para instalacións de xeración na modalidade de subministración con autoconsumo con excedentes –cando as instalacións de xeración poidan, ademais de fornecer enerxía para autoconsumo, inxectar enerxía excedentaria nas redes de transporte e distribución; polo que nestes casos existirán dous tipos de suxeitos: o suxeito consumidor e o produtor–, haberá dúas tipoloxías. Por unha parte, instalacións con potencia igual ou inferior a 100 kW, con conexión en baixa tensión, e que só necesitarán autorización de explotación para a súa posta en servizo. No resto de instalacións precisarán a autorización administrativa previa, de construción e de explotación.

Cómpre lembrar que en Galicia cada vez existe un maior compromiso polo aforro e a eficiencia enerxética, apostando polo uso de enerxías renovables. Así, o crédito para as ordes de axudas a particulares recentemente publicadas para promover o autoconsumo enerxético e o emprego de enerxías renovables xa se esgotou. De feito, no caso das axudas para o autoconsumo enerxético, xa se concederon 494 axudas cos 2M€ asinados no orzamento. Ademais, o Rexistro de Autoconsumo de Galicia conta, nestes momentos, cun total de 866 instalacións inscritas cunha potencia que supera os 83,5MW.