Un total de 82 candidaturas optan este ano aos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural

A presente edición bateu récord de proxectos presentados, destacando un notable incremento nas categorías de mulleres, mocidade, recuperación de terras agrarias, turismo e interese social

O xurado ten un prazo de catro meses para analizar todas as iniciativas e fallar os premios

Cada un dos premiados recibirá un diploma e unha dotación en metálico de 10.000 euros que deberá reinvestir na iniciativa gañadora
 

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2021

Unha vez rematado o prazo fixado para a remisión de candidaturas, a Consellería do Medio Rural recibiu un total de 82 propostas para optar á XII edición dos Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural.

Así, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu a constitución do xurado que analizará e estudará cada unha das propostas presentadas nun prazo máximo de catro meses. Dito xurado está composto por representantes das administracións autonómica e local e dos grupos de desenvolvemento rural (GDR).

A presente edición bateu récord de candidaturas, pois ata o de agora o máximo recibido foran 78 propostas e, na pasada edición, houbo un total de 66 proxectos. Ademais, a directora xeral destacou que houbo un notable incremento respecto de anos pasados nas categorías de mulleres (15 iniciativas), mocidade (8), recuperación de terras agrarias (11), turismo (16) e interese social (14). Tamén tivo moi boa acollida a nova categoría de paisaxe rural (4), sen esquecernos da de innovación tecnolóxica (4) e agrogandeira (9).

Entre os criterios de valoración estará o feito de como a iniciativa influíu na actividade económica do territorio e á creación do emprego. Así mesmo terase en conta o seu grao de sustentabilidade, de innovación e de consolidación. A nivel social, valorarase tanto a súa contribución á incorporación e inserción laboral da muller no proxecto, como o seu grao de implicación en políticas de igualdade. Tamén sumarán puntos aquelas iniciativas que favorezan a inserción de colectivos ou persoas desfavorecidas e as que dean apoio social, en xeral.

Galardóns

Cada un dos premiados recibirá un diploma e unha dotación en metálico de 10.000 euros que o gañador deberá reinvestir na iniciativa gañadora para realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias. Mediante estes premios, a Xunta recoñece aquelas iniciativas que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada, tal e como se explicaba nas bases e na convocatoria.
 

Imaxes relacionadas