A Xunta conmemora o Día Mundial do Síndrome de Down coa iluminación de monumentos emblemáticos de Galicia

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, participaron no acto na Torre do Reloxo, en Santiago

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, participaron hoxe no acendido da Torre do Reloxo, na Catedral de Santiago, con motivo da conmemoración do Día Mundial do Síndrome de Down. Con ese motivo, este monumento e outros emblemáticos de toda Galicia lucirán o símbolo que representa a Down Galicia desde hoxe ata o domingo 21, data da celebración internacional.

Toda Galicia se suma á conmemoración, e por iso, ás 20.30 horas e de xeito simultáneo, outros monumentos significativos galegos acenderon o emblema, como a Torre de Hércules na Coruña, a Catedral de Ourense, a Catedral de Lugo ou o Convento de San Francisco en Pontevedra. Na iluminación da fachada do Concello de Ferrol participou a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro. No acto central en Santiago de Compostela estiveron presentes o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, e o presidente da asociación compostelá, Juan Martínez.

En decembro de 2011, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas designou o 21 de marzo como Día Mundial da Síndrome de Down. Con esta celebración, a Asemblea Xeral quere xerar unha maior conciencia pública sobre a cuestión e lembrar a dignidade inherente, a valía e as valiosas contribucións das persoas con discapacidade intelectual como promotores do benestar e da diversidade das súas comunidades. Así mesmo, quere resaltar a importancia da súa autonomía e independencia individual, en particular a liberdade de tomar as súas propias decisións.

Imaxes relacionadas