A Xunta impulsa o proxecto 'Cantando a Carvalho Calero' que promove a obra do autor desde un punto de vista pedagóxico

Trátase dun libro-disco, resultado dun traballo promovido polo profesor José Luis Fernández Carnicero, que sae do prelo co apoio da Consellería de Cultura

Ourense, 18 de marzo de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no Liceo de Ourense no acto de presentación do libro-disco Cantando a Carvalho Calero, unha obra que é resultado dun proxecto promovido polo profesor José Luis Fernández Carnicero, que sae do prelo co apoio da Xunta de Galicia.

“Presentamos un recurso de grande interese para o ámbito educativo, nomeadamente para o profesorado de lingua galega e literatura e para o especialista en educación musical, un proxecto de gran vontade pedagóxica, a mesma que desenvolveu Carvalho Calero desde a súa faceta como docente, desde os anos de Fingoi ata o maxisterio que exerceu como primeiro catedrático universitario de lingua e literatura galegas”, destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

No acto tamén recordou a Carvalho Calero, como grande amante da música, que “foi sempre consciente, na súa faceta de crítico literario, de que a poesía naceu ligada a esta arte, sendo moitas veces poesía musicada, de aí que sempre lle atribuíra gran relevancia ao acompañamento musical ao moderno rexurdimento da literatura galega”.

Carvalho Calero musicado

O libro-disco Cantando a Carballo/Carvalho Calero sae do prelo un ano despois de que a Real Academia Galega lle dedicase o 17 de maio ao autor ferrolán. A obra constitúe un recurso de grande interese educativo e é o resultado dun proxecto promovido polo profesor José Luis Fernandez Carnicero editado co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O seu título é o resultado da orixinalidade de 13 temas e a adaptación ao texto doutras tres. As cantigas, inspiradas en poemas, están interpretadas polo grupo musical Agualevada, unha formación que iniciou o seu andar polo mundo da música en 2019, xusto cando se coñeceu que Carvalho Calero sería o homenaxeado nas Letras Galegas de 2020.

Os seus autores son, ambos os dous profesores: Xico Paradelo, responsable das voces, e José Luis Fernández Carnicero, tamén compositor musical e pianista de influencia galega que combina coa himnoloxía propia de países europeos. O proxecto contou coa colaboración de varios expertos na obra do poeta, como Martinho Montero Santalha ou Isaac Estraviz.