O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación RAC, Carlos Rosón, inauguraron a mostra

O Gaiás exhibe unha escolma da mellor arte contemporánea da fundación RAC, unha das coleccións máis relevantes de España

A mostra ‘Os brancos segredos do seu ventre’ exhibe desde hoxe no Museo Gaiás un percorrido cromático por máis de medio cento de obras deste valioso fondo

O conselleiro de Cultura pon a Fundación Rac como exemplo do “importantísimo papel” das institucións privadas na “preservación do legado cultural”

A comisaria da mostra, Bea Espejo, inclúe nesta selección pezas de artistas de recoñecido prestixio como Baldessari, Ignasi Aballí ou Ángela de la Cruz

O deseño expositivo recrea o interior dunha balea, tomando como referencia a forma de cetáceo do museo, que inspirou o arquitecto do Gaiás, Peter Eisenman

Santiago de Compostela, 18 de marzo 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación RAC, Carlos Rosón, inauguraron hoxe na Cidade da Cultura a exposición Os brancos segredos do seu ventre, unha selección de 53 obras dos valiosos fondos da Fundación Rosón de Arte Contemporánea (Rac), colección privada situada en Pontevedra e que atesoura un dos fondos de creacións actuais máis relevantes de España. Nesta escolma, a comisaria da mostra, a crítica de arte Bea Espejo, ofrece un percorrido cromático, que vai da cor branca á negra, e que permite ver no Museo Centro Gaiás pezas de artistas de prestixio nacional e internacional.

Na inauguración, o representante da Xunta de Galicia salientou a “oportunidade única” que supón ver estas obras de arte fóra das instalacións da Fundación Rac, xa que incidiu en que a mostra exhibe “unha das máis importantes coleccións de arte que conserva unha institución privada galega”.

Neste senso, puxo en valor o “importantísimo papel” de institucións e coleccionistas privadas, como a Fundación Rosón de Arte Contemporánea (Rac), na “preservación do legado cultural”. Precisamente, lembrou que esta entidade está declarada Ben de Interese Cultural pola Xunta e distinguida Premio Arte e Mecenado da Obra social "la Caixa” co que se premia o compromiso privado co sistema artístico.

Inspiración cromática, ‘Moby Dick’ e Eisenman

Na súa intervención, Bea Espejo explicou que para este proxecto ademais de centrarse nun criterio cromático, tamén se inspirou no propio arquitecto da Cidade da Cultura, Peter Eisenman, quen a través das páxinas da obra mestra de H. Melville, Moby Dick, imaxinou para o Gaiás un museo con “esqueleto de cetáceo”. Deste xeito, a comisaria indicou que o deseño expositivo emula o ventre dunha balea “no interior da cal esta exposición provoca que a arte despregue o seu universo de cores”, afondou.

Bea Espejo tamén revelou que o título da mostra está extraído dunha das pasaxes do capítulo 42: Os brancos segredos do seu ventre. Ao respecto, especificou que se trata dunha metáfora visual que “encaixa perfectamente coa idea de viaxe e coñecemento encerrado que ten de seu a obra de arte” e, segundo a comisaria, “tamén revela os segredos que pode albergar un museo no seu interior”.

Artistas galegos, nacionais e internacionais

O presidente da Fundación Rac, Carlos Rosón, apuntou que esta selección de medio cento de obras —entre as que se encontran fotografías, pinturas, instalacións, figuras ou obxectos cotiás revisionados en uso e dimensións— e que foron integrando a súa colección nos últimos 30 anos.

Deste xeito, en Os brancos segredos do seu ventre exhíbense obras de recoñecidos artistas internacionais da arte contemporánea, como son Tracey Moffatt, que é un referente da xeración creativa coñecida como os Young British Artists dos 80-90 xunto a Damian Hirst; John Baldessari cumha mostra da súa xenialidade na retranca conceptual; Tacita Dean cunha instalación pictórica de grandes dimensións; David Zink Yi cunha lura xigante de porcelana enchoupada en tinta; ou Roman Signer cunha reconstrución dunha casa para facer repensar as connotacións tradicionalmente asociadas, sobre todo as adquiridas tras a pandemia.

Nesta escolma están tamén artistas españois con repercusión internacional, como Ignasi Aballí —autor do proxecto que representará a España na vindeira Bienal de Venecia —Carmen Calvo, Eulalia Valldosera ou Pepe Espaliú.

En canto a presenza de galegos, en Os brancos segredos o seu ventre están obras de Diego Santomé coa súa provocadora Derecho a la pereza xunto a instalacións de Rosendo Cid, Marcos Covelo, Sara Coleman e da recoñecida Ángela de la Cruz, Premio Nacional de Artes Plásticas e candidata aos Turner, os premios de arte máis coñecidos e prestixiosos do Reino Unido que outorga anualmente a Tate de Londres.

Sitúa a arte galega nun contexto internacional

A mostra supón non só unha escolma de artistas, senón tamén de formatos contemporáneos: instalacións, vídeo-arte en diálogo con obras que supuxeron ruptura como Josep Beuys, Tapies, Guerrero. Trátase dunha colección plural, que sitúa a arte galega nun contexto internacional.

Os brancos segredos do seu ventre ofrece así un diálogo da arte de artistas de Galicia con creadores e creadoras de fóra nun plano de igualdade. Dá a posibilidade de gozar de arte latinoamericana (México, O Brasil, Chile, O Perú), de Portugal, Suiza, Finlandia ou Sudáfrica, con nomes de referencia.

A exposición pode verse no terceiro andar do Museo Centro Gaiás ata o 5 de setembro, con entrada de balde de martes a domingo e con visitas comentadas, tamén gratuítas, previa inscrición na páxina web www.cidadedacultura.gal.

Imaxes relacionadas