O conselleiro de Cultura e Educación e o alcalde visitan as súas instalacións

Román Rodríguez anuncia un investimento de preto de 1M€ na rehabilitación integral do colexio de Portonovo en Sanxenxo

A actuación desenvolverase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta para todas as obras que se realicen en instalacións educativas a medio prazo

Con esta rehabilitación integral prevese acadar un aforro enerxético do 25%
 

Sanxenxo (Pontevedra), 18 de marzo de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe un investimento de preto de 1M€ na rehabilitación integral do colexio de Portonovo, na localidade pontevedresa de Sanxenxo. Unha actuación que se vai enmarcar no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, presentado hoxe no Consello da Xunta, que guiará as obras de remodelación e construción de novas instalacións educativas nesta década.

Román Rodríguez, que visitou o centro co alcalde, Telmo Martín, salientou o compromiso da Xunta de Galicia co concello de Sanxenxo, e destacou que o próximo curso entrará en funcionamento o novo colexio de Vilalonga, cun investimento de máis de 4,5M€.

A intervención ten como obxectivo realizar as actuacións necesarias nas edificacións existentes para a mellora do illamento térmico e a eficiencia enerxética do colexio de Portonovo. De feito, con esta rehabilitación integral prevese acadar un aforro enerxético de arredor do 25%.

Con este fin, está previsto o illamento térmico da fachada mediante a inxección de perlas expandidas de EPS (poliestireno expandido), así como das vigas de formigón perimetrais e dos forxados da cuberta, neste caso con panel de lá de roca. Ademais, substituiranse todas as cubertas dos diferentes edificios que compoñen o centro por unhas novas de panel tipo sandwich, así como a renovación de canlóns e baixantes correspondentes.

Para mellorar a sensación térmica, renovarase case a totalidade da carpintería exterior do centro educativo, colocando unha nova con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, incluídas as persianas e as súas caixas; e mudaranse as luminarias existentes por unhas tipo LED, con equipos de regulación e detección do movemento.

A actuación inclúe, ademais, o pulido do chan de terrazo, o pintado dos paramentos e a colocación de falso teito de lá de roca con panel acústico no edificio de Infantil, despachos, almacéns e pavillón, entre outras zonas que carecen del neste momento.
 

Imaxes relacionadas