O Consorcio provincial Contraincendios de Lugo aproba a adquisición de dous novos vehículos para os parques da provincia

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe no Pleno do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento de Lugo

Tamén se aprobou a compra de traxes para garantir a protección dos efectivos nas súas intervencións
 

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2021- O Consorcio Provincial para a Prestación do Servizo Contraincendios e de Salvamento de Lugo, integrado pola Xunta de Galicia e a Deputación lucense, aprobou hoxe un modificativo de crédito para adquirir dous furgóns de salvamento para o parque móbil.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, participaron hoxe no Pleno do Consorcio no que se aprobou a renovación do parque móbil do Consorcio con estes dous vehículos 4x4 cunha partida de 323.000 euros co obxectivo de realizar intervencións nun menor tempo posible e chegar a zonas de difícil acceso. Ademais, destinaranse máis de 74.400 euros para a compra de traxes cos que reducir os riscos nas actuacións, tanto de rescate técnico para actuacións de menor risco como específicos para condicións climatolóxicas adversas, que se suman aos 122 que xa foron adquiridos para protexer aos 117 efectivos.

A Xunta e a Deputación colaboran no funcionamento dos seis parques comarcais de bombeiros que dependen do Consorcio: Barreiros, Viveiro, Vilalba, Chantada, Sarria e Monforte de Lemos.