Galicia porá en marcha unha unidade multidisciplinar poscovid en cada unha das 7 áreas sanitarias

Feijóo sinala que comezarán a funcionar neste mesmo mes e estarán compostas por un equipo de profesionais de diversas disciplinas

Explica que os pacientes ingresados serán chamados cando reciban a alta para concertar unha cita hospitalaria, e os pacientes que non requiriron ingreso, deberán pedir cita no seu médico de familia no caso de padecer sintomatoloxía persistente

“Estas unidades van axudar a recuperar os pacientes, pero tamén darán un mellor coñecementos dos efectos persistentes despois da covid”, recalca
 

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe na rolda de prensa de Consello a posta en marcha dunha unidade multidisciplinar poscovid en cada unha das 7 áreas sanitarias para proporcionar unha atención e recuperación e de calidade a todos os afectados pola covid-19.

Estas unidades, que comezarán a funcionar neste mesmo mes, sinalou, estarán compostas por un equipo de profesionais de diversas disciplinas, nas que o núcleo duro estará conformado por especialistas en medicina interna, neumoloxía e enfermería con función de xestión de casos e consulta de coidados específicos.

En relación ao seu funcionamento, o titular do Goberno galego explicou que, no caso dos pacientes ingresados, unha vez que reciban a alta serán chamados no prazo de 7 días para realizar unha primeira valoración clínica post-alta e concertar unha cita hospitalaria, e no caso de pacientes que non requiriron ingreso, deberán pedir cita no seu médico de familia no caso de padecer sintomatoloxía persistente.

Nese sentido, lembrou que en Galicia 115.000 persoas padeceron a enfermidade e delas en 1 de cada 10 os síntomas poderían prolónganse no tempo máis de12 semanas, de acordo coa evidencia científica actual.

Ao longo da súa intervención o presidente da Xunta tamén subliñou que as ditas unidades darán soporte aos profesionais de atención primaria nunha relación de coordinación que quedará definida en tres circuítos. O primeiro, para pacientes que non foran ingresados e para os doentes aos que a unidade lles deu a alta. O segundo, para os que si ingresaron e foron monitorizados por esta unidade ata que foron derivados á primaria. E, por último, o terceiro para os pacientes que foron derivados xa desde primaria.

Ademais, sobre este punto, Feijóo salientou que para os casos máis complexos constituiranse comités compostos por distintos especialistas para realizar o seu seguimento. “Estas unidades van axudar a recuperar os pacientes, pero tamén darán un mellor coñecementos dos efectos persistentes despois da covid”, abundou.

 

Imaxes relacionadas