A Xunta inviste máis de 1,5 M€ na instalación de dúas centrais de biomasa no campus de Pontevedra e a cidade educativa da Xunqueira

O obxectivo é reducir o impacto no medio ambiente, acadando un sistema de calefacción máis eficiente desde o punto de vista enerxético para nove centros de ensino e facultades

Estes proxectos suporán unha redución de emisións dun mínimo de 182 toneladas de CO2 ao ano
 

Pontevedra, 18 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia inviste máis de 1,5M€ na instalación de dúas centrais de biomasa no Campus Universitario e na Cidade Educativa da Xunqueira, en Pontevedra. O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, visitaron hoxe os traballos de desenvolvemento destes dous proxectos, que teñen como obxectivo reducir o impacto medioambiental, acadando un sistema de calefacción máis eficiente desde o punto de vista enerxético para un conxunto de nove centros de ensino e facultades.

Deste xeito, ademais de promover unha cultura de respecto ao medio entre o alumnado, esta iniciativa supón un impulso á renovación das instalacións públicas no camiño cara a unha Galicia máis verde.

Estes proxectos suporán unha redución de emisións dun mínimo de 182 toneladas de CO2 ao ano e contribuirán, así mesmo, a mellorar a xestión e limpeza dos montes galegos co emprego da biomasa forestal, a través do uso dun recurso renovable autóctono.

Aforro e carácter didáctico

No caso do Campus universitario, a Consellería de Economía, Empresa e Innovación financiou a instalación dunha planta de biomasa no lateral da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, no lugar no que se situaba un antigo aparcamento.

Cun investimento de máis de 600.000€, o obxectivo é subministrar enerxía térmica desde unha sala de caldeiras centralizada ás facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e de Ciencias da Educación e do Deporte.

O proxecto da cidade educativa da Xunqueira dará servizo a sete centros educativos, en concreto o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) A Xunqueira, os colexios CEIPs A Xunqueira Nº 1 e Nº 2 e os seus pavillóns, os institutos IES A Xunqueira I e o seu pavillón, o IES A Xunqueira II, o Centro de Formación e Recursos do Profesorado (CFR) e a Escola Oficial de Idiomas.

Cun investimento de preto de 1M€ –en colaboración entre as dúas consellerías– para albergar o novo sistema de biomasa, constrúese un espazo que terá unha superficie de 265,5m² e disporá de dous compartimentos, un para o almacenamento da biomasa e outro que será empregado como sala de caldeiras e equipos de distribución hidráulica.

A central está a ser construída en terreos do CIFP A Xunqueira dado que a nova instalación pode ter un carácter didáctico neste centro. O prazo de execución da obra é de seis meses.

Estratexia de impulso da biomasa

Francisco Conde enmarcou as actuacións na vontade do Goberno galego por impulsar unha Galicia máis verde a través do fomento das enerxías renovables e, en especial, da biomasa. Así, explicou que a Xunta traballa nunha nova Estratexia de impulso da biomasa 2021-2025 tras lograr coa anterior unha mobilización de 80M€ coa instalación de 7000 caldeiras e aforros económicos na factura enerxética de 13M€ ao ano.

O vicepresidente económico lembrou que a biomasa ocupa a primeira posición en Galicia como fonte de enerxía primaria autóctona consolidándose como unha opción de enerxía renovable, eficiente e limpa.

Nova Arquitectura Pedagóxica

Pola súa parte, Román Rodríguez salientou que este tipo de proxectos se enmarcan no compromiso da Xunta de Galicia por mellorar a eficiencia enerxética dos centros de ensino. “Non en balde, desde 2009 lévase investido máis de 24M€ en proxectos de rehabilitación enerxética de colexios e institutos das catro provincias galegas e máis de 32M€ en rehabilitación integral”, explicou.

Así mesmo, sinalou que o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, aprobado hoxe no Consello da Xunta, vai contribuír a que os centros educativos, “ademais de estar a disposición das necesidades do ensino do século XXI e contar cunha maior conexión coa contorna e a paisaxe, sexan espazos máis sostibles e cunha maior calidade ambiental”.
 

Imaxes relacionadas