Lete Lasa presenta a Regata da Muller como unha "aposta decidida polo deporte feminino" que tanto éxito lle ten dado a Galicia

Desenvolverase en catro fases diferentes (19 de marzo, 24 de abril, 8 de maio e 22 de maio) e que terá como colofón unha final con outras cinco tripulacións femininas doutras comunidades os días 4, 5 e 6 de xuño

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou hoxe na sede da Real Federación Galega de Vela a ‘Regata da Muller Liga de Vela Feminina’ que comeza este venres 19 no Centro Galego de Vela. O mandatario galego destacou que esta Regata da Muller supón unha nova “aposta decicida polo deporte feminino que tanto éxito lle ten dado a Galicia” e que ten a súa orixe, curiosamente, noutra aposta polo deporte feminino realizada en 2009.

Lete Lasa lembrou como naquela ano, a Xunta de Galicia da man da Federación Galega de Vela adquiriu dous barcos Elliot de 6 metros tras a decisión da Federación Internacional de Vela de que estes barcos entraran no programa olímpico de Londres 2012 na calse Match Race Feminina. Galicia foi a única comunidade de toda España que adquiriu en propiedade este tipo de barcos e os resultados non tardaron en chegar. Támara Echegoyen e Sofía Toro, xunto á xixonesa Ángela Pumariega conseguiron a praza para os Xogos de Londres e unha vez alí fixéronse coa medalla de ouro.

Agora e tras o grande éxito do Europeo Júnior de 2019 de 420 e 470 celebrado en Vilagarcía e apoiado pola Xunta de Galicia, a Real Federación Galega de Vela decide utilizar estes barcos -máis outros catro pertencentes á Real Federación Española de Vela- para crear unha liga autonómica da muller que se desenvolverá en catro fases diferentes (19 de marzo, 24 de abril, 8 de maio e 22 de maio) e que terá como colofón unha final con outras cinco tripulacións femininas doutras comunidades os días 4, 5 e 6 de xuño.

Imaxes relacionadas